Arte et alia

Alvaro de las Casas, escritor e poeta

Camposanto de Sabucedo de Montes, no concello de Cartelle, onde está enterrado Álvaro de las Casas
photo_camera Camposanto de Sabucedo de Montes, no concello de Cartelle, onde está enterrado Álvaro de las Casas

Era o ano 1950. O día oito de marzo morría en Barcelona un sobranceiro escritor e poeta ourensán, o Dr. Álvaro de las Casas Blanco. Na necrolóxica de La Vanguardia, dábase conta do traslado do cadáver á parroquia de Sabucedo de Montes. E na nota do diario santiagués La Noche, engadíase que tiña regresado de Sudamérica, “donde residía”, facía unha semana. Dende entón o corpo do Dr. Álvaro de las Casas Blanco repousa alí, imperceptible e silente, na súa parroquia de San Pedro... A súa innegable relevancia do catedrático de Xeografía e Historia no Instituto de Noia dende 1930, e logo seu director, non debe dubidarse. Alí puxéronlle o seu nome á aula de conferencias en 2002, e colocaron unha placa cunha das máximas de Ultreya, a famosa asociación xuvenil que ideou: «Porque quero unha Galiza enteiramente galega en convivencia con todas as razas, en fala con todas as culturas, abrirei o meu peito a todos os homes de boa vontade e recta intención». 


Un ano despois do óbito, un día de canícula a finais de xullo, Ramón Otero Pedrayo, amigo seu, pronuncia unhas cálidas verbas no camposanto daquela parroquia ourensá, en representación da Real Academia Galega, e tamén a Asociación Católica de Santiago Apóstol de Bahía Blanca, na República Arxentina. Foi unha homenaxe de recoñecemento e gratitude a Álvaro de las Casas das dúas institucións de ámbolos dous lados do Atlántico. Colocouse unha lápida de bronce, que non está alí aínda que si localizada: “Álvaro de las Casas / DEP / VIII-III-MCML / Poeta exquisito. Historiador y escritor erudito. Cantó a España en América. Gallego enxebre, fue raíz y sabia de la Asociación católica de Santiago Apóstol. Homenaje de gratitud y cariño. Bahía Blanca, República Argentina. 25-7-1951”. E o coronel arxentino Arturo A. Saavedra, o 6 de agosto, faille homenaxe en representación dos escritores daquela República en Santa Fe e Entre Ríos. 


Gran orador, da súa pluma saíron máis de corenta libros, novelas como El pazo de Lebre, 1928, no contexto de mediados do século XIX; e no mesmo ano e editorial madrileña publica a celebrada Antología de la lírica gallega. Dende o ano seguinte até 1936 saíron na Editorial e Revista Nós ata dez obras e traballos seus, caso A morte de Lord Stäuler, requintado drama poético. Outra, Matria, de 1935, poema en dous actos sobre a emigración, foi premonitoria pois Álvaro marchou cara América do Sur a mediados de 1936. Aquí publicaría libros en Santiago de Chile, Buenos Aires, Paraná, Rosario e Santa Fe, máis de catrocentos artigos e deu unha chea de conferencias. Da súa feracidade é proba a dedicatoria a Marcelo Macías, que fora seu profesor, na súa homenaxe, con 16 anos no El Diario de Orense, en xaneiro de 1917, escusándose de non poder participar “por mi juventud (sic), para recordar(lo) con orgullo cuando la nieve de los años cubra mi cabeza”. Amou Sabucedo de Montes, terra da “herdade que heredei,/ (ela) é toda a minha historia,/é toda a minha lei. Como esta terra, amigos,/outra pra min non hai”. 

Te puede interesar