A bolboretiña do día: Antonte foi venres ou sexta feira?

wordcloud (6)

ARAG asume como sinónimos as formas das feiras polos días como fan os portugueses. Pero os sinónimos non obrigan; digamos que suman, non restan. Pero a cousa é clara: en todas as linguas, como sabemos, os nomes dos meses e dos días son de orixe romana. Nos extremos a lúa -luns- e o sol -domingo, e entremedias, os cinco planetas con nomes de deuses coñecidos daquela, martes, mercurio, xúpiter, venus, e saturno. Despois, nas linguas neolatinas os nomes de saturno e sol -Saturday, e Sunday en inglés, que manteñen os orixinais- foron substituídos polo hebreo Sabath -sábado- e polo do señor, domenicus/domingo.

E aconteceu que alá no ano de 563 San Martiño de Dumio, bispo de Braga, prohibiu tallantemente usaren os nomes dos planetas/deuses romanos no seu bispado, por blasfemo. Así, o primeiro día da semana sería o domingo, o día do señor, pero os seguintes, ata o sabath/sábado levarían puros numerais; segunda, terça, quarta, quinta e sexta. E feiras, por “feria”, día libre de iren á igrexa. Pero a Galicia bracarense só  chegaba ata a ría de Vigo na costa e o eixo Miño -Sil no centro, pois o leste era asturicense, onde non trunfou a moda "feiras", como tampouco na Galicia Lucense, do norte. Topamos só restos do  vello sistema de feiras nalgúns falantes da Limia, pero a maioría dicimos que despois do domingo vén o “lus”, non a segunda. A min, desde logo, gústanme máis as formas máis usuais e latinas comúns: luns, martes, mércores, xoves e venres, asumidas xa de forma natural desde a entrada do galego no ensino. Eu, co sistema das feiras, teño que pararme a pensar un cachiño.

Te puede interesar