O artista e intelectual Isaac Díaz Pardo deixa as súas pegadas nunha baldosa do Paseo da Fama en Sada (A Coruña)

O artista e intelectual galleguista Isaac Díaz Pardo converteuse este luns no terceiro personaxe en deixar as súas pegadas para ser colocadas no Paseo da Fama de Sada (A Coruña), un espazo reservado no paseo marítimo desta localidade para recordar a personaxes do mundo da arte, a cultura e o deporte.
Díaz Pardo únese así á actriz Blanca Marsillach e ao futbolista Amancio Amaro, que tamén aceptaron participar nesta iniciativa do goberno local de Sada.

O acto protagonizado por Díaz Pardo celebrouse no estudio que o artista fundador de Cerámicas do Castro posúe Osedo e que converteu nunha importante factoría cultural de recoñecemento internacional.

Xunto ao alcalde da localidade, Ernesto Anido, participaron no acto as concelleiras de Cultura, Almudena Pena; Educación, Soraya Salorio; Seguridade Cidadá, Yolanda Ansede; e Economía, María Núñez; así como os edís de Turismo, José Ángel Sánchez; e Obras, Emilio Gómez.

O alcalde de Sada agradeceu a Díaz Pardo a súa colaboración nesta iniciativa municipal e mostrouse 'orgulloso' de que sobre o paseo marítimo de Sada queden xa para sempre 'as mans das que saíron importantes manifestacións artísticas e culturais'.

Pola súa banda, Díaz Pardo mostrouse 'satisfeito' polo ofrecemento recibido do alcalde, ao que pediu que se sentise no seu estudio 'como na súa propia casa'.

Isaac Díaz Pardo é dende hai décadas Fillo Predilecto de Sada, un recoñecemento ao seu labor de difusión cultural acordado polo Concello en pleno.

As tres primeiras baldosas coas pegadas de Blanca Marsillach, Amancio Amaro e Isaac Díaz Pardo serán instaladas nas próximas semanas no Paseo da Fama de Sada, cuxo primeiro tramo partirá da Casa da Cultura Pintor Llorens e discorrerá ao longo do paseo marítimo.

Te puede interesar