¡Buone visioni!

As malas nais

Filla de artistas, Maggie Gyllenhaal ten un longo percorrido como actriz de cine, teatro e televisión. Moitos a recordarán como a protagonista da comedia BDSM Secretary (2002), ou por substituír a Katie Holmes no papel de Rachel no Caballero Oscuro (2008) ou tamén no papel de nai e prostituta freelance na serie The Deuce.

Gyllenhaal debuta agora como directora con La hija oscura, filme que seduciu a crítica no Festival de Venecia e que obtivo tres nominacións aos Premios Oscar: Mellor Guion adaptado desde unha novela de Elena Ferrante, Mellor Actriz (Olivia Colman) e Mellor Actriz de Reparto (Jesse Buckley).

A historia está protagonizada por Leda, unha muller de mediana idade, docente de literatura comparada, que viaxa soa de vacacións ata unha illa grega. Na praia está intrigada observando a unha xove nai e á súa filla. A partir de alí, terá que enfrontarse aos recordos de decisións pouco convencionais que tomou cando tivo que criar ás súas nenas.

La hija oscura é un filme que reflexiona con honestidade e sen tabús sobre a maternidade. A través dunha estética realista, case documental-pero sen renunciar a unha poética exploración interior-o filme consegue seducir. O drama psicolóxico da protagonista está contado sutilmente, sen barroquismos, pero non impide que a súa mensaxe sexa igualmente rompedora. O papel de nai visto como algo frustrante, limitador e retratada de forma contundente. Gyllenhall demostra talento ao expoñer con sutileza as ambigüidades, ademais de dominar con sabedoría os saltos temporais, sen perder nunca o único fío que une o recordo co presente. Sosteñen este traballo unhas notables Olivia Colman no papel da Leda adulta e Jesse Buckley no papel da Leda de xove. Grazas a un guion sólido, finalmente Dakota Johnson demostra ser unha actriz, sen dúbida, con máis talento do que recordamos na triloxía de Grey. Tamén merece lembrar as actuacións dos actores Ed Harris e Peter Sarsgaard, ademais da aparición da directora e actriz italiana Alba Rohrwacher.

Igualmente idónea é a elección dunha Grecia inusualmente pouco soleada, e a insistencia da directora no primeirísimos planos e nos detalles. Ambas decisións axudan a crear unha atmosfera atafegante, na cal está atrapada a protagonista. O sentido de culpabilidade é outro dos grandes temas desta película. Os arrepentimentos pola toma de camiños equivocados, os medos e os pensamentos politicamente incorrectos relacionados co papel de ser nai son unhas cuestións pouco frecuentadas no cine. Definitivamente La hija oscura é un debut sólido que deixa as expectativas moi altas á espera da próxima película de Gyllenhaal.

Te puede interesar