Cultura

A bolboretiña | Abafar e abouxar

Cultura

A bolboretiña | Abafar e abouxar

É curioso, tendemos a usar moitas palabras nosas moi expresivas, incorporándoas ao léxico do castelán de Galicia porque o vocabulario é unha categoría aberta. E se dicimos zulo, intifada, wifi, caiuco ou paté, con máis facilidade hai trasvase galego-castelán e castelán-galego, linguas tan próximas. Así, o verbo abafar -“no me abafes, haz el favor, déjame en paz”-, podería ser dito no noso dialecto castelán, pois no estándar, non existe. Vén o verbo de botar o bafo a cara, por iso se usa para unha situación de lixeiro acoso ou de temperatura excesiva. Deixa de abafar... Hacía un calor abafante. E non lles explico máis porque todos coñecen este verbo e algún aínda saberá agora que non é castelán.

Outro verbo que me gusta a min moito, pero que non traspasou a fronteira do galego, é “abouxar” que é o que se utiliza cando molesta un ruído ("no Clangor, a música abouxábame", ou “non me abouxes” se un che está falando alto de máis). Vén dunha forma latina relacionada co nome dun instrumento musical do exército romano, a “buccina” -unha especie de corno ou trompeta coa que metían medo aos inimigos. Ou sexa, “non me toques a bocina ao lado”, máis ou menos. Nalgún sentido, son sinónimos.