Bolboretiña | Chuvia e nevadas

Un dos pecados máis frecuentes no galego é considerar formas moi minoritarias como as autenticamente galegas porque as maioritarias son máis próximas ao castelán. E a esencia do bo falar non é o vocabulario -categoría permeable e ilimitada-, senón, sobre todo, gramática. Usar infinitivos conxugados (Ao chegares a Vigo, chama), formas de solidariedade (Éche así a cousa), de interese (A nena éme moi estudosa) ou combinacións (A maior, trabállacheme en Berlín), boa colocación de pronomes, fonética axeitada, etc. Ben, pois chuvia é a forma inmensamente maioritaria que debe ser preferida a esa “choiva” rarísima na fala (escrita só seis veces no s. XIX, inda menos que “chuva”, fronte a 170 chuvias), e desde logo, tamén, nevada. Se vostede usa moito allo para facer un prebe ou mollo para o peixe, fai unha allada. E se fai unha festa de comer moitos chourizos, unha chourizada. E se cae moita neve, pois hai unha boa nevada, palabra vella, común co portugués, que ten tamén a curiosa forma “nevón” -nevão, propiamente- para cando a nevada é grande. As nevaradas só aparecen na literatura en 1953 e agora para a TVG son a única palabra. E non tal. Diferencialismo absurdo. Se chove, hai chuvia. Se neva, nevadas; non compliquemos a fala e a vida.

Te puede interesar