Bolboretiña | Deixar de barallar

É curioso cando o sentido metafórico lle gaña a partida ao real. Hoxe, maiores e vellos, saben o que é un barallán, un tipo que baralla moito. E é palabra usual, tamén, do castelán de Galicia. Por exemplo, a frase, “Deixa de barallar e ponte a traballar”, no noso castelán seríalles case igual, “Deja de barallar y ponte a trabajar”; non é? Pois a palabra barallar é empregada aquí nun sentido metafórico. Barallar, propiamente é o que se fai coas cartas antes de dalas. Si, o verbo barallar -ou embarallar- fala de mesturar os naipes da baralla para que queden desordenados. (Os portugueses, curiosamente, chámanlle “baralho” ao conxunto todo das cartas e “baralha” ás que lle tocan a canda un). Para nós, claro, un barallán é alguén que está sempre emitindo ideas desordenadas e sen tino. Curioso é que moitos galegos conservasen a boa palabra neste segundo sentido da palabra, e a perdesen no primeiro, en contacto real físico do obxecto, e deixasen paso a dunha inexistente “baraxa” de cartas. Este castelanismo, camuflado con ese son xe tan galego, debe desaparecer... A ninguén se lle ocorrería dicir “É un baraxán” ou “está sempre baraxando do que non sabe”. Coidemos a lingua, é, para un senso e outro, barallar. E perdoen este baralle, que se cadra, non o é tanto.

Te puede interesar