Cultura

Bolboretiña | Devecer

Cultura

Bolboretiña | Devecer

descarga (50)

O verbo devecer é moi noso e ten dous sentidos. Un deles físico, diminuír de tamaño: “Todo o que crece, devece” ou “Os grelos enchen a pota pero en canto ferve a auga devecen á menos da metade”. Minguar (do “minuere” latino, de “minus”) ou mirrar (do efecto secante e diminuínte da mirra) poderían ser sinónimos. Antes os nenos estaban “devecidos” ou “mirradiños” de estaren mal alimentados; agora, ó contrario, gordos coma bocois.

Pero devecer tamén ten o sentido de ansiar algo con vehemencia. “Devecía por ver os netos, pero os pais non llos traían a casa por medo á pandemia”. Nese mesmo sentido, cun matiz de maior intranquilidade, se cadra, está o verbo “langrear” que no dicionario recolle como “alangrear”. “Langreaba por ver a moza, estaba farto do skype”. Próximo está o verbo “cobizar”, que vén, claro de “cobiza”, un dos pecados capitais. “Moito me cobiza coller a ponte e marchar de viaxe”. “Houbo quen cobizaba facer de Ourense porto de mar”. En fin, mellor non cobizar moito, non langrear en exceso e non devecer por nada... e esperar a devecer de vello.