CULTURA

A bolboretiña do día | Enfermos e pacientes

Enfermo é etimoloxicamente o que non se dá mantido firme, ao que lle fallan as forzas. E non como a un “estafermo”, palabra hoxe usada como insulto nas linguas ibéricas, e moi viva ata hai pouco nas nosas aldeas, que é “estafermo” para referirnos a unha persoa parada, sen acción, ridícula ou sen sangue no corpo. Seica vén do italiano “stare fermo”, estar quieto, parado, e así se lle chamaba aos bonecos xiratorios cos que contendían os cabaleiros para entrenarse... E por certo, lembro ter escoitado a unha vellote afalando as vacas e para que parasen dicíalles “ferma aí, ferma”, tal que en italiano “pára”, “detente”. 

En fin, que se un está enfermo ou doente, é un paciente do sistema sanitario. E non é casualidade ningunha que “paciente” teña eses dous sentidos: como adxectivo, o que está cheo de paciencia (“non é nada inquedo, é unha persoa moi paciente”), e como substantivo, a persoa que sofre un tratamento médico. Así que a todos os pacientes, paciencia. Que se non é ciencia da paz, que non o é, non lle anda lonxe.

Te puede interesar