A bolboretiña do día | Enredo e colonia

Seguro que lle gusta enredar coas palabras. Voulle dicir dunha web para furgar nas súas historias. E como as linguas galega e castelá e portuguesa son moi próximas, as explicacións que valen para a orixe dunha, valen para as outras dúas. 

A páxina de hoxe é www.origemdapalavras.com.br. Alí, desde o Brasil, cóntannos a etimoloxía de milleiros de palabras; ás veces soas, ás veces en grupos. Se miran, por exemplo, "colonia", cóntalles como o emperador Claudio, para agasallar a súa muller Agripina, natural de Alemaña, púxolle ao lugar onde nacera “Colonia Claudia ara Aggripinensium”. Longo de máis, foise acortando en Colonia, para nós; Cologne, para os franceses, ou Köln para os propios alemáns. Logo, un tal Farina, veciño italiano da cidade, alá por 1709, popularizou un perfume que chamou “köllnische wasser” ou sexa “auga de Colonia”. O resto da historia é fácil de imaxinar. 

Aínda que non o dí o artigo, seica o Colón, o navegante, era dunha familia de canteiros de Poio que traballaran na construción da catedral, e por teren estado en Köln, chamáronlle “os colóns”. Outros din que era xenovés, pero é mentira, claro.

Te puede interesar