A fala dos vellos

A bolboretiña do día | Os nomes das xentes

descarga_resultado
Todos temos varios nomes. O do bautismo, que en galego é normal que leve artigo: o Xosé, a Flora. O apelido, en moitos ámbitos laborais, moi usado: O Hermida díxome... Bastantes nomes teñen, tamén, o seu hipocorístico, un nome de confianza: Pepe, Manolo... E podemos ter alcume, mesmo hereditario. “O Rangán”, p. ex. Destes catro niveis, o galego conservou ben os alcumes, e os hipocorísticos ata que chegou a música moderna e as Maruxas ou Tonos pasaron a Marys ou Tonys. Curioso como foron prexudicados os apelidos. Non hai ningún Outeiro -todos Otero- pero todos Outeriño; Oterito, ningún. Pódeselle dar a volta á cousa? Difícil, pero conviña facer cos apelidos unha entresaca coma cos topónimos. Acabamos cos “Villar” ou “Soto”, “Sotelo”, para aldeas, pero quedaron nos apelidos. Nalgúns, vese a man do escribán antigo. En Nogueira de Ramuín, por exemplo, hai 82 Soto e ningún Souto. En Vilar de Barrio, hai 111 Souto e ningún Soto. En Ourense cidade, 252 Souto e 640 Soto...  E deberían ser todos Souto, claro. E como este exemplo, ducias. Cumpría unha peneira onomástica.

Te puede interesar