Cultura

A bolboretiña do día: rotas e roteiros

Cultura

A bolboretiña do día: rotas e roteiros

En Ourense temos o Roteiro da Esmorga e o Casares. A palabra “roteiro” é unha desas que convén incluír no dicionario. Xa está imposta de seu, pois os que andan nas cousas de organizaren percorridos pola natureza ou historia xa a usan de xeito normal, á par de "rota". Tal e como fan os portugueses, que usan as dúas. Ademais, no dicionario noso aparece a palabra “rota” e “derrota” co sentido de “camiño aberto na neve” e, tamén “derrota” co sentido de dirección seguida dunha nave. E non imos rotar ou emprender unha rotación rara, nin marchar por derroteiros alleos. 

En fin, se o novo uso de “roteiro” vén do sur, benvido, moito mellor que se vén do inglés (wifi) ou do francés (foie-gras) palabras que, pola contra, si están no dicionario e eu sinto menos miñas. 

Así que, igual que absolveron “saudade” que xa figura no dicionario en plenitude, roteiro, “ego te absolvo a peccatis tuis...”, porque non chos vexo.