CULTURA

A bolboretiña do día | Sartego, sepultura, cova, defunto

2020102922284585596

Un pode estar vivo ou morto. Se está morto é que morreu. E dado que é verbo tabú, temos varias formas de suavizalo usando eufemismos (falecer, descansar...); a min gústame moito un, cun aquel de desdramatización propio da nosa cultura, que é “durmir fóra”. Hai dous anos que “dorme fóra”, por exemplo. 

En fin, en galego dicimos “defunto” -e defunción, claro- con e, como se dicía tamén no castelán antigo, e que vén dunha forma latina que viña dicindo “o que xa cumpriu, o que sae da función”. Se queremos incrementar a intensidade do verbo, usamos o contrario de eufemismos, disfemismos. Así diriamos, por exemplo, espichouna, palmouna, estirou a pata... e quedariamos como groseiros. 

En calquera caso, un debería ser cremado ou incinerado, ou ben enterrado. E se tal, baixaría, en expresión moi galaica, á cova. E iría dentro dun ataúde, féretro ou caixa -ou caixón, que é ben grande e así se chama en Portugal-. En calquera caso, o que xa non se leva é usar “sartegos”, que son esas caixas medievais de pedra que moitas veces acabaron de maseiras ou pías e que por riba levaban unha “tampa” que encaixaba, unha lauda con inscrición, ou non. A palabra culta “sarcófago” é máis bruta. En grego quería dicir simplemente  “o que come a carne”.

Te puede interesar