A bolboretiña do día | Tarde piaches!

undefined
Esta vella expresión galega para referirse a algo comunicado con retraso despois de que sucedera algo, é moi común desde hai séculos. Está inmortalizada no Quixote. Se cadra é herdo cervantino do seus antepasados lugueses, do concello de Cervantes, no Cebreiro. No capítulo 53 da segunda parte, no incidente da Ínsula Barataria, cando despois da broma queren que siga de gobernador, di: –¡Tarde piache! –respondió Sancho–. Así dejaré de irme como volverme turco. No son estas burlas para dos veces. E si, Cervantes nesta única mostra fóra do castelán do libro, usa un dito orixinado, seica, nun home que comía un ovo cru e viña cun pitiño e que así que o estaba enviando piou e el, xunto co grolo viño, dixo: "Tarde piaches, e o tragou". Por certo que Cervantes usa o dialectalismo tan frecuente de rematar a segunda persoa do perfecto en “che” en vez do máis usual “ches”; de aí que algunha xente diga “fixeche ben”ou “dixeche o que che pareceu”. Outra expresión para algo fóra de tempo é “xa está, Marica non chores”, usando un dos hipocorísticos tradicionais -xunto con Maruxa- para o nome de María. Pero disto heilles falar o próximo día.

Te puede interesar