A bolboretiña do día: Dos direitos dos viciños

DOS DIREITOS DOS VICIÑOS

Sonlles ben mandado. Temos unha Real Academia Galega que regula e entende do seu. Eu, obedezo, pois só son un afeccionado -alguén que ten afecto e fe- e amador -amateur, pola francesa-, alguén que ama. Pero penso, que se cadra aínda lle podían unhas voltiñas para melloraren cousas, como de cando en vez fan as academia todas. Vexamos. 

Escribimos, por proximidade á etimoloxía, “Entroido” en vez de “Antroido”. E “fociño” en vez de “fuciño”, “rola” en vez de “rula”, “mellor” en vez de “millor”, etc. De acordo: en caso de existiren dúas formas, unha vacilación vocálica, escollemos a máis próxima á etimoloxía, non si? Pois logo non sei se sería mellor en vez de “dereito” e “veciño” e “emperador”, decidirse por “direito” (directus, de ir recto) e “viciño” (vicinus, habitante do lugar, do “vicus”) e “imperador” (imperator, o que manda, impera, sobre os exércitos)? Para min, si. 

Ben sei que son minoritarias, pero “fociño” non lles conto. En fin, mentres outra cousa non digan, escribirei como nos indique a RAG. Mais como amador, tamén amo a filla de alén-miño e non me desacougaría facer algún aloumiño ao sur, que de alí sempre veñen ventos que traen chuvias ou sexa auga e vida.

Te puede interesar