A bolboretiña do día | Os nomes dos sitios

Sabemos todos que cada vello que morre é unha folla do libro da cultura tradicional que se arrinca. Nomes e historias de persoas, costumes, fincas, lendas, contos... que se perden para sempre. Tamén sabemos que hai aldeas sen moradores, que desaparecen. 

Pero outras nacen e medran. Carballiño ou Vigo non eran nada hai 200 anos. O lugar de “A Castellana”, por exemplo, no Polígono, contábame miña avoa que empezou por unha tenda que puxo alí unha señora que ela coñecera e tratara. E na costa, hai urbanizacións que se consolidaron como residencias. Praia América é cousa dos anos vinte. Antes a praia era Area Loura e púxolle o novo nome un tal Manuel Lemos, que comprou todo, dividiuno e vendeuno para chalets nos anos vinte. 

Curioso é que os mariñeiros lle chamaban “praia” só ás zonas de mar con fondo areoso onde había pesca, pois ás zonas de area na costa eran así: "areas". De aí que moitas “praias” de hoxe se chamen algo de area: Area Longa, Area Brava, Area Mairo, Areas e tantos outros topónimos. Aínda que non o pareza, o das “praias”, pois, non é cousa vella.

Te puede interesar