Cultura

Bolboretiña | Gaivotas e cormoráns

Cultura

Bolboretiña | Gaivotas e cormoráns

descarga (5)

No mar, á parte de peixes, entre outras cousas, hai aves. As máis frecuentes son as gaivotas, e destas hainas de varias clases. O que é moi significativo de como vemos o mundo, é que a mesma especie ten nomes opostos en galego e castelán. A, perdoen a precisión, Chroicocephalus ridibundus, como o seu segundo nome indica, é denominada en castelán “gaviota reidora”. Pois entre nós, tal ave é chamada “gaivota chorona”. E si, como nos pasa cos nenos pequenos, ás veces non sabemos se rin ou choran. Por certo que un dos poemas máis interesantes de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro é no que contesta outro de Ventura Ruíz de Aguilera no que dicía que non acertaba a saber se a gaita galega ría ou choraba, dicindo que non ría, que choraba.

Tamén hai os cormoráns, cunha palabra derivada do latín “corvus marinus” a través dun vello frances “corv maren”. Entre nós, recomenda o dicionario da RAG usarmos a forma, tamén popular en galego, de “corvos mariños”. Eu creo que ben se poderían deixar as dúas como sinónimos, como en portugués.