Bolboretiña | Nadal e Natal

n
Hoxe está imposta a forma Nadal como máis normal en Galicia para referirse ao tempo en que andamos aínda que sempre conviviu coa forma Natal, hoxe a normal en portugués estándar e que outrora ocupaba compactamente toda a provincia de Ourense e case a de Pontevedra. É tan importante a festividade que mesmo lle deu nome ó mes, e así un podería dicir, por exemplo, “O día dezanove do mes de Nadal é San Nemesio”, aínda que hoxe prefiramos a forma cultura “decembro”, que tamén se dicía orixinalmente “decembre”, pero que pola influencia da maioría dos meses que acaban en o, -todos menos abril-, acabaron pasando os de número, a o. Ou sexa set-, out, nov- e dec. Natal é a única forma do adxectivo, “A miña terra natal é esta” pero, como digo, o substantivo pode ser con de ou con te. E eu creo que a chegada de felicitacións impresas en catalán ás librarías galegas, nos anos sesenta, que dicían “Bon Nadal” axudou a que esta forma fose case a única escrita. Así que usen as nosas formas tradicionais, Natal e Nadal, e Bo ou Bon, ou desexen, simplemente Boas Festas, pero non digan como algunha publicidade “Merry Christimas”. Aprender linguas, por suposto; ser un pailán, mellor non.

Te puede interesar