A bolboretiña | O solpor

Todos saben o que é o solpor. É o substantivo que utilizamos nós para o que en castelán se di “puesta de sol”. E moitos dirían que é palabra composta fermosa, suma dun substantivo e un verbo. Cando o sol se pon, falamos si de solpor. Todos de acordo. E que ten, pois, esta palabra de raro? Por que a traio aquí? Pois porque é un símbolo. Un símbolo da permeabilidade natural dos falantes ás incorporacións de creacións de vocabulario feitas polos escritores. Si. A palabra solpor non existe na lingua medieval, non existe na lingua do XIX. É palabra creada nos tempos da revista Nós, hai cen anos, e as primeiras veces que se usa é en Nós ou polos escritores de Nós; fundamentalmente por Otero Pedrayo. E si, este sinónimo de crepúsculo ou ocaso, coa súa aparencia de forma enxebre, vella e auténtica, foi perfectamente absorbido, tanto no senso real -os solpores en Praia América son preciosos- como metafórico, -Estaba no solpor da vida, o pobriño, cando lle tocou a lotería-. Que teñan bo día.  

Te puede interesar