Bolboretiña | Xeada, xeo, carambelo, lazo

Estes días están moi fríos. Hai moita xeada porque xea moito. (Debemos escribir así, porque seica é o máis estendido en Galicia, e pronunciar cun e pechado, aínda que en Ourense xa o pechemos tanto sempre que fagamos moitos is: il, iste, millor, pior, xiada, etc.). Xear é, pois, caer xeada. E ao lado do verbo xear está o conxelar, que como vén por vía culta manter ese ele. Todos temos clara a diferenza entre unha pescada conxelada e o que sería “unha pescada con xeada”, se pasase a noite no balcón hoxe, por exemplo. E o substantivo, xeo ou xelo? Pois os portugueses danlle preferencia á forma culta gelo aínda que tamén teñen geio que se correspondería coa que prefire a nosa academia de “xeo”, aínda que eu creo que deberiamos admitir tamén “xelo”. Outra palabra nosa é “lazo” para referirse á capa de xeo das superficies da auga, charcos ou encoros, e vén dun latín “glacis” do que tamén veñen glaciar, etc. As estalactitas de xeo que se forman nos beirís dos tellados, chamámoslle “carambelos” ou “caramelos”. E de aí o nome pasou ao azucre fundido -ten o mesmo brillo- e de aí emigrou ao castelán para esa clase de lambetadiñas que tiran, en tempos normais, os Reis Magos. En calquera caso, abríguense. Ben cómpre.

Te puede interesar