C. Roa pide 'valor' ao apóstolo para afrontar as 'penalidades' da crise

O alcalde de Santiago, Gerardo Conde Roa, pediu hoxe ao apóstolo Santiago que dea 'valor' á sociedade para afrontar as 'penalidades' que aínda haberá que pasar por esta crise económica e que se recuperen valores como a 'laboriosidade'.

No seu discurso como delegado rexio na ofrenda da Festividade da Translación do Apóstolo, coa que cada ano é conmemorado o traslado do corpo de Santiago o Maior desde o porto de Haifa até o de Iria Flavia, en Galicia, Conde Roa tamén solicitou ao santo que 'ilumine' as autoridades políticas para que 'cumpran con eficacia' a súa misión de propiciar o progreso socioeconómico.

O acto, que se iniciou co tradicional voo do botafumeiro na catedral de Santiago de Compostela, contou coa presenza de numerosas autoridades civís e militares e o Executivo autonómico case ao completo, nun día en que a actualidade viña marcada pola necesaria remodelación despois da marcha de dúas conselleiras ao Goberno central.

Durante a liturxia, a crise económica estivo presente tanto na ofrenda realizada polo alcalde de Santiago, no seu papel de delegado do rei don Juan Carlos, como na homilía do arcebispo compostelán, Julián Barrio.

Conde Roa instou a recuperar as mesmas virtudes dos antigos peregrinos que percorreron o Camiño de Santiago para poder enfrontarse con éxito 'aos malos tempos presentes' e que desexou que 'ben dirixidos' polos gobernantes os cidadáns poidan 'alcanzar a prosperidade desexada'.

Durante a súa ofrenda tamén tivo un recordo para o 'sufrimento das vítimas do terrorismo' e para a 'preciosa saúde' do rei, a quen situou como 'garante institucional, e en continuidade dinástica, da paz e do presente e futuro de España'.

Pola súa banda, Julián Barrio dixo que 'outra sociedade é posíbel se cremos na resurrección de Cristo' e que nestes tempos de crise, non se debe 'ocultar' o compromiso cristián.

Sinalou que esta situación de dificultade axuda toda a sociedade a 'dirixir a ollada ao esencial' e a ir 'máis alá do desalento e a resignación' e pediu ao apóstolo 'o fortalecemento da vida cristiá' e a protección dos pais de familia para que 'realicen a súa misión de coidar e educar os seus fillos en perfecta tranquilidade de espírito'.

Barrio, quen citou discursos de Bieito XVI en varias ocasións, tamén agradeceu ás autoridades autonómicas e locais a axuda que prestaron á Igrexa para a celebración dos 800 anos da catedral de Santiago, que se conmemora neste ano.

O acto litúrxico, parte central da Festividade da Translación do Apóstolo, estivo precedido dunha parada militar na praza do Obradoiro, coa tradicional revista das tropas por parte do delegado rexio.

Despois da misa, as autoridades asistentes desprazáronse ao pazo de Raxoi, sede do Concello, onde houbo unha recepción municipal con motivo desta celebración.

Te puede interesar