ARTE ET ALIA

Colección Abrente 2.0 Ribadavia

Segue a amosar o Museo Etnolóxico de Ribadavia os interesantes fondos plásticos da antiga Agrupación Cultural Abrente. A exposición está comisariada por Sabela Fraga Costa, que firma os textos do libro conmemorativo presentado na inauguración, no que ademais do catálogo das obras contextualiza a dita A.C. Abrente “no desafío cultural dos ‘70”. Editado pola Xunta de Galicia, tempo haberá de analizalo cando remate este ciclo expositivo. Desta volta, os fondos plásticos que se presentan do legado son dezanove obras de quince autores, dous deles, Xosé Conde Corbal e Enrique Conde Escudero (n.1950), son pai e fillo. Ámbolos dous tiñan coincidido en 1972 na primeira mostra de arte galego organizada pola Asociación Breogán en Ourense, na Delegación de Información y Turismo, achándose aquí unha das dúas acuarelas monocromas e figurativas do pontevedrés (1923-1999), que están na mostra. O artista deixou fonda pegada no tempo que viviu en Ourense, expresándose cas impresións en offset, que comeza naquel ano precisamente, e ademais coas serigrafías, técnica utilizada nas vistas urbanas, caso de Ribadavia ou daquela obra do Ourense de Vicente Risco. O que fan eles, segundo Otero Pedrayo no seu prólogo, “nos acendra de orensanismo”. Seus son tamén tres gravados da serie “Do amor”, baseada en Valle Inclán. A obra do fillo é un acrílico de 1974, do tempo en que participaba no “Grupo Deica” con Borrajo, tamén presenta na sala, e Miguel Durán. 

"Obras de Luís Borrajo, Prego, Virxilio e De Dios"

Á dereita da entrada hai un acaído óleo de Reimundo Patiño (A Coruña, 1936-1985), significado activo da arte e da esquerda galega, que participou nos grupos Brais Pinto, Estampa Popular Galega e a Gadaña. Esta obra dun ser bifronte de corpo dobre, marelo e lixeiro vs. vermello e musculado, foi a escollida como contracapa do libro de Abrente. No extremo oposto hai outro óleo dunha ambivalencia semellante, de cores cálida/fría, que amosa o traballo nunha construción. É da artista coruñesa Bea Rey (Beatriz Rey-Gómez Guitián, n.1939), graduada en artes aplicadas en Madrid (San Fernando) e profesora de ensino medio, que comezou a expoñer en 1966. Enfronte locen serigrafías de artistas ourensáns datadas en 1971, de Vidal Souto (n.1948), a de Xaime Quessada (1937-2007) unha muller picassianas chorando co neno no colo; o “Fuco Buxán” de Xosé Luís De Dios (1943-2010) baseado en Celso E. Ferreiro; as campesiñas de Virxilio Fernández Cañedo (1925-2011), e a velliña co can de Prego de Oliver. Na cabeceira van as pezas escultóricas, a de Luís Borrajo (1950-2005), dende a forma común do tradicional cabalete en madeira, e a terracota de Acisclo Manzano, que xa estivo na anterior mostra, e aquí semella facer de bisagra entre elas. Na parede hai dúas obras de xeito Fauve, unha de Alexandro (n.1945), unha acuarela matissiana de 1971, e unha carreira de cabalos en azul e vermello que montan jockeys e firma Carrera en 1973. Ao saírmos vimos unha cera de Joaquín Ramón Pérez Caamaño, artista nado en Boiro en 1949. Acompañando as obras, vitrinas con documentos e o panel coa liña da vida de Abrente (1969-1983).

"Óleo de Beatriz Rey e acuarela de Conde Corbal"

Te puede interesar