Arte et Alia

A Colectiva do «Ar (t) enteiro» no Carballiño

Oscar Gonfer, co-comisario da exposición, José Luis Sobrado, presidente do Centro de Estudios Chamoso Lamas e o "Z", artista.
photo_camera Oscar Gonfer, co-comisario da exposición, José Luis Sobrado, presidente do Centro de Estudios Chamoso Lamas e o "Z", artista.
Os comisarios Óscar ‘Gonfer’ (González Fernández) e Juan Manuel Rodríguez, xuntaron medio cento de petiscos de arte de corenta e dous artistas e creadores

Abriu na Galería do Auditorio Manuel María, da vila do Carballiño, dende fai días, a reunión colectiva das artes que con periodicidade bienal promove o Centro de Estudios Chamoso Lamas. Trátase dende fai seis anos dunha convocatoria pensada especialmente para esta comarca ourensá, abranguendo tamén a do Ribeiro. Desta volta é a edición 3.0, que xoga a poñerlle nome do río Arenteiro e a arte para darlle visibilidade ao abano creativo, nunha vila na que xa se fan mostras arredor da fotografía, ademais do protagonismo intrínseco das artes audiovisuais.

Os comisarios Óscar ‘Gonfer’ (González Fernández) e Juan Manuel Rodríguez, xuntaron medio cento de petiscos de arte de corenta e dous artistas e creadores, profesionais algúns deles, afeccionados a maioría, xente nova e vella, cadaquén cos seus egos e preferencias. As asimetrías de Manuel Lanchas, con catro esculturas, e Olalla Soutullo, con moitas fotografías, rompen o equilibrio. A “Silueta” de 2016 daquel, en ferro reciclado, ten interese. Ao seu carón está unha das dúas pezas de Manuel Chamoso Lamas (1909/1985), sobranceiro persoeiro da bisbarra, nomeadamente de Moldes (Boborás), onde residiu. A organización da convocatoria pola asociación que leva o seu nome podería terlle dedicado un curruncho de honra pola súa relevancia: a pequena terracota cerámica dunha muller nova e elegante cun abano, en lánguida pose nunha cadeira, e a escena dunha competición de remo, acuarela s. papel, ámbalas dúas dos anos 1930-1936, reflicten un tempo e o ‘élan vital’ do Dr. en Filosofía e Letras e Dereito, alumno avantaxado de Castelao e Antón Losada Diéguez, conveciño seu de neno.

Entre os autores máis coñecidos está o tudense Juan Valcárcel, profesor dun IES, e aveciñado na contorna, con presenza significativa en iniciativas, quen presenta un retrato. Dende as súas ensinanzas, María José González (Marita G.), amosa ter sido quen de atopar unha voz persoal con “Selfie”, 2019, espléndida acuarela de boa man. A que ten tamén Laura Miranda, con “Biv valvo”, escultura en granito de 2015. Son dúas das artistas destacadas, ademais de Ana Lorenzo, que trae un óleo, María.  

Presenzas relevantes son a de Xesús Carballido, que expón “Seica 993” un dos seus acaídos collaxes; as “Pilotadas sensacións” paisaxísticas persoais de Mingos Teixeira, e as do “Mar de fondo” do médico Ignacio Granero, que se afasta dun certo hipe-realismo anterior, furando incluso a base matérica da obra; e os “Gaiteiros do Vilar” de Felipe-Senén López. O nu feminino de costas enriba dunha base de colaxe de Manuel de Carballo, de 2014, ten calidade. De 2015 é Primavera de Felipe Bardelás,  acuarela e tinta s. papel, e a foto do Golfiño no porto de Aldán de Albert Brull, amosan sensibilidade. Están tamén Acisclo Novo, César Taboada e Nicolás, Xaime Fuentes e Fernando Blanco ou ‘Vilamoure’ (Xosé Rodríguez González). E o gran escultor Manzano Freire  firmando un divertimento como Acisclo Rogelio. Participación salientable é a do Z/Abelardo Manuel Rodríguez, con dúas obras, unha pendurada a modo de cadro, e cadeira ao pé con obxectos a modo dunha natureza morta, con pinceis e paletas, unha reflexión do oficio, dende o ocre e o gris.

Te puede interesar