Computar ou ordenar?

Vostedes ben saben a diferenza entre ordenar unha casa -o cuarto dos fillos, por exemplo- e computar os resultados dunha votación. Cando ingleses e estadounidenses fixeron unha máquina para facer miles de cálculos por segundo -os máis remotos antepasados dos nosos “ordenadores” alá polos anos corenta e cincuenta- chamáronlle “computer”, pois eles non teñen diferenza de macho-femia en entes non sexuados. De aí que aínda que a maioría dos países da América hispana adoptasen “computadora” hai algúns, como Chile ou Colombia, onde o tratan de macho, computador.  Nós, moi seguidores do francés “ordinateur” usamos ordenador en castelán. Os cataláns, moi filofranceses, tamén usan “ordinador”, mentres que os italianos, nugallaus, escriben a palabra á inglesa, computer, e mesmo len á inglesa “compiuter”. En fin, os portugueses volven polo inglés e din “computador”. E para o galego, creo que con bo criterio, o dicionario da RAG recolle todos tres. Así que diga como diga, di ben.

Te puede interesar