A fala dos vellos

BOLBORETIÑA | Con nós ou connosco?

descarga_resultado

O tradicional en galego, sen dúbida, é dicir connosco e convosco. Son formas creadas sobre os pronomes tónicos nós e vós, cando os precede a preposición con, e nos que aparece un vello resto do cum ao final de cando se declinaba. É algo paralelo ás formas que se crean no mesmo caso con mi, ti e si. Exemplos: Vés comigo ao cine? Vou contigo ao cine. Levou as entradas consigo para non ter problemas. Así pois se facemos plurais, teriamos que dicir, Vés connosco ao cine? Vou convosco ao cine. Levaron as entradas consigo para non ter problemas. Poderiamos dicir Vés con nós ao cine? en vez de Vés connosco ao cine? e similares? Para min, desde logo, non. Do mesmo xeito que non poderiamos dicir *Vés con mi ao cine? ou *Vou con ti ao cine. Realmente só se ese nós ou vós é seguido por numeral ou outra especificación clara, debe suprimirse. Por exemplo, Vés con nós os tres ao cine? e nunca *Vés connosco os tres ó cine? 

O que pasa é que como o castelán non ten estas formas, tendemos a esquecelas. Pero todos os vellos e bos falantes úsanas sempre. E así debemos facer. Por iso debemos dicirlle ao virus, non vas poder connosco! Ou tamén, Marcha can!

Te puede interesar