Conde Roa: Non está o Auditorio para colgar mensaxes dos indignados

Foto: EFE
O alcalde de Santiago de Compostela, Gerardo Conde Roa, asegurou hoxe que o Auditorio de Galicia 'non está para que se colguen mensaxes dos indignados' e defendeu o 'traballo duro e complicado' do Concello 'por manter unha programación de nivel'.

Conde Roa reaccionou así, nunhas declaracións aos xornalistas no Pazo de Raxoi, ao incidente onte na representación da ópera 'O barbeiro de Sevilla' na que algunhas persoas exhibiron 'mensaxes ofensivas' e 'claramente insultantes' que 'hai pouco tempo estaban nas prazas de toda España', entre eles 'Non hai pan para tanto chourizo'.

'Está fóra de lugar', argumentou o rexedor, quen non obstante defendeu a liberdade de creación e de expresión.

Tamén aludiu ao seu propio comportamento de onte cun dos iluminadores da obra, ao que segundo varios medios chamou 'maleducado' e 'mamón', ao afirmar que se nalgún momento o puido 'ofender' ou pronunciar palabras 'máis alá da discrepancia' que o sente e que lle pide desculpas.

'Non hai un bo e un malo. Oín de todo. Pero imos deixar aí o tema', insistiu.

En todo caso, continuou, 'houbo un erro que non procedía' porque 'non está o Auditorio de Galicia para que se colguen mensaxes dos indignados', polo que asegurou que continuará coa programación tratando que sexa de 'calidade'.

Preguntado pola segunda función desta ópera mañá, Conde Roa supuxo que se manterá, aínda que precisou que este asunto non é da súa responsabilidade.

Sobre esta polémica, o concelleiro de Cultura do Concello de Santiago, Ángel Currás, díxolles aos xornalistas que respecta a liberdade de expresión pero opinou que o Auditorio 'non é o marco axeitado para este tipo de crítica social', que tampouco tiña 'moito sentido' na formulación cultural e escénica de 'O barbeiro de Sevilla', concluíu.

Te puede interesar