¡Buone visioni!

Crónica dun fracaso anunciado

Woodstock
photo_camera Woodstock

Se algo pode saír mal, sairá mal. E aínda podería ir a peor. Pasou con Woodstock, o célebre festival de música que no 1968 entrou na historia converténdose no símbolo da contracultura hippy. A pesar da excelente proposta do cartel (Jimi Hendrix, Janis Joplin, Jefferson Airplane, The Band, etc.) e a afluencia masiva de público, a organización foi un desastre. Woodstock foi concibido como unha empresa con fins de lucro e na súa primeira edición converteuse nun concerto de balde, xa antes da súa inauguración. John P. Roberts, o promotor, tardou varios anos en aplanar as débedas. Non satisfeito, intentou repetir a experiencia no 1989, cos mesmos resultados desastrosos, e outra vez máis no 1994 nun festival que se converteu literalmente nunha embarrada, pasando a historia como “musdock” (“mud” en inglés significa barro). Con todo, a edición do 1994 demostrou que tocar fondo non é o final. Sempre se pode seguir cavando.

A miniserie documental Fiasco total: Woodstock ’99 dirixida por Jamie Crawford é a crónica dun fracaso anunciado. Estreada recentemente en Netflix, os 3 capítulos fan unha análise lúcida e desapiadada dos 3 días da edición do 1999, onde a avaricia e a destrución gañaron ao amor e a paz. Con entrevistas aos protagonistas e un amplo material en VHS, a serie reconstrúe, de forma inédita e minuciosamente, as circunstancias que levaron ao fracaso – por fin definitivo? – do evento. Contan con todo detalle como o promotor histórico de Woodstock John P. Roberts e os seus socios empresarios, no 1999 intentaron facerse ricos á costa dos participantes, reducindo aos mínimos os servizos básicos. Pecharon a máis de 250.000 persoas nunha ex base militar, con moita droga e moi pouca seguridade, cun servizo de recollida de lixo inexistente, cuns insuficientes baños públicos, baixo un sol xusticeiro e sen posibilidade de atopar un fío de sombra ademais de auga – todas as botellas eran requisadas ás portas do festival e as billas brindaban líquido contaminado. No fondo soaban as notas rabiosas de Korn, Limp Bizkit, Metallica ou Rage against The Machine. Despois da repartición de decenas de velas acendidas no última actuación do terceiro día, mentres Megadeth estaban a tocar Symphony of Destruction, só podería agardarse a chegada do armaxedón.

Fiasco total: Woodstock ’99 parece un documental sobre un experimento social ideado por nazis. Durante os tres capítulos, non hai nin un só momento onde os promotores asumen responsabilidades. Moi exhaustivas son as imaxes gravadas no terceiro capítulo, mentres John P. Roberts pasea polos entullos do festival, ao igual que o tenente coronel Kilgore no campo de batalla en Apocalyspe Now (1979), despois de lanzar o napalm sobre unha aldea ao son da Cabalgata das Valkirias.

Ademais, a serie documental analiza con claridade o contesto social, a nova contracultura americana dos noventa, moi diferente con respecto aos finais dos sesenta. A pesar da falta de organización, no 1969 a solidariedade entre os asistentes e os promotores axudaron a acabar un concerto sen demasiados danos colaterais e a convertelo nun evento memorable. Nos anos sesenta os hippies estaban manifestándose en contra da guerra no Vietnam ao son de Jimi Hendrix e a Creedence Clearwater Revival. No Woodstock 99, a xeración desencantada e fascinada con Fight Club necesitaba unha boa escusa para desatar o caos. Mentres Dave Mustaine acababa o seu concerto cantando Peace sells... but who’s buying?, as primeiras fogueiras flamexaban xa alto. Era a imaxe e a banda sonora perfecta para o final dun fracaso anunciado.

Te puede interesar