ARTE ET ALIA

O Entroido de Ourense nas Artes

Felo de Maceda, de Ana Iglesias; y Peliqueiro, de Acisclo, en Laza.
photo_camera Felo de Maceda, de Ana Iglesias; y Peliqueiro, de Acisclo, en Laza.

É nas carautas onde se atopa a verdade das máscaras, a matriz primixenia que contén a súa potencia expresiva. É nelas onde está a sinécdoque, isto é, a parte polo todo: aquí está o seu ser, do que emerxe a súa aura... O traxe e os accesorios completan a transformación necesaria para que o rito se exprese nos tres días da súa ascensión anual, domingo, luns e martes. Mais dende o xoves lardeiro todo é xa o tempo de glorificación da carne, da de comer e da outra..., antes do tempo de xaxún da Coresma. 

Nesta ollada ao mundo das artes plásticas, necesariamente breve nun artigo destas características por mais que se poda facer mais demorada se o contexto e o tempo fose outro, imos achegarmos ao reflexo do Entroido nos artistas de noso. O tema é, en xeral, historicamente esvaído e tanxencial, apenas Goya e Gutiérrez Solana, ou Laxeiro en Galicia. 

Mais na nosa provincia os artistas adoitan tratalo tema, sendo un dos primeiros en facelo Julio Tizón (+1999), artista xordomudo de Cea que viviu anos en Extremadura, do que coñecemos unha obra de 1954, sendo o “Espantapájaros” un significado fito seu. Xaime Quessada (+2007) tratou en diversas pinturas e ocasión a temática, caso do Carnaval de 1972 que vimos no Pazo de Vilamarín, ou a sobranceira peza de 1994 que fala do seu xenio e de Ourense dende unha parede do Parlamento de Galicia, onde pendura para o seu desfrute. Algunha peza en barro de Arturo Baltar (+2017) cos Cigarróns do val de Monterrei tamén se pode citar. Mais en Verín quen máis o ten tratado, agás algunha acuarela de Narciso Corral que temos visto no Trampitán, é Xosé L. Gómez Rivada, Xosé Rivada, tanto en pintura como en escultura, como figura-totem de fortaleza e expresividade. Ocasionalmente tamén Leonardo Vidal e Fernando Barreira, mais é a gran peza escultórica de Xosé Lois Carreira de Xinzo a icona pública por excelencia na praciña dende 2002, diante da que fan os pequenos as primeiras carreiras de iniciación. Este artista ofrecera xa a súa arte nunha gran Pantalla en 1997 para a súa vila natal en pedra portuguesa, sendo dende o noso punto de vista de lamentar nelas a ausencia das vivas cores. As características monumentais da ámbalas deixan ver para os seus habitantes a importancia do sentimento do Entroido. 

Os de Viana do Bolo, no leste provincial, non quixeron ser menos e colocaron en bronce o seu Boteiro, obra do Piquico (Angel M. Rdz. Romero) en 2003, voltando á utilización da pedra monocroma Nicanor Carballo de Tioira no Felo de Maceda. Coas súas cores e negras medias recolleuno nunha instantánea de gran fotógrafa Ana Iglesias. Mais o primeiro monumento en erixirse foi o Peliqueiro de Laza, inaugurado no setembro de 1986, a iniciativa dunha entidade de aforro con sucursal na vila, sendo erixida sobre gran base recta con canles, polo renomeado escultor Acisclo Manzano, en formigón e centrado na carauta. A visibilidade de todas elas reflicte, máis alá do museo do entroido de Xinzo, apenas visible, a identidade do pobo.

Te puede interesar