TRIBUNA

Revista Nós | Escasa presenza feminina

A Guerra do 14, a Gran Guerra ou a I Guerra Mundial como se lle queira chamar a aquel conflito (1914-1918) marcou en parte o futuro da humanidade. A metade dela, as mulleres, viron posibilidades de cambiar a súa vida tras o armisticio Como os homes marcharan ás frontes bélicas, os seus traballos tiveron que ser acometidos por quen quedaba, que non eran outras que as mulleres.

Traballos que deica ese momento eran só para homes son realizados neses 4 anos por elas. Cando remata a guerra, volven os homes aos seus postos mais son moitas as mulleres que non queren deixar a súa nova vida laboral e retornaren aos habituais quefaceres domésticos de nais e esposas nos fogares

Nos anos 20 do pasado século nace unha nova muller, xa non só polos peiteados de corte garçon, polo abandono dos corpiños ou polas saias moito máis curtas que antes, senón porque a muller, seguindo o camiño das sufraxistas, rebélase contra a súa habitual figura de ‘dona de’ e que só é un obxecto decorativo na sociedade

A iso haberá que engadir os avances que chegan coa aprobación o 9 de decembro de 1931 da Constitución republicana, na que se recoñecen entre outros dereitos o voto feminino e o divorcio. Ese período coincide aproximadamente cos anos nos que se edita a revista Nós (1920-1936)

A pesar de teren acadado ese novo papel a todos os efectos na sociedade, redactores e colaboradores de Nós son moi maioritariamente homes. Unicamente aparecen nas súas páxinas, salvo que me eu trabucara ao comprobalo, oito mulleres das que en conxunto hai pouca documentación que achegan ás revistas diferentes colaboracións: Purificación González Feijoo, Dolores Fernández Quintás, María Sánchez Fernández, Carmen Somoza Pato, Francisca Herrero Garrido, Miss Annie Mac Swiney, Josefa Rodríguez Vázquez e Margot Sponer

Pequenos datos biográficos das colaboradoras de Nós e extractos dalgúns dos seus textos. Respectouse a grafía orixinal:

- Purificación González Feijoo, Dolores Fernández Quintás, María Sánchez Fernández, Josefa Rodríguez Vázquez e Carmen Somoza Pato, todas elas ligadas á Educación, que escriben dentro da sección Arquivo Filolóxico e Etnográfico de Galiza no número 123, de marzo de 1934.

ZORRO POR LEBRE 

Ao sacristán de Melias víñalle pol-o viño un que lle chaman <<o Lalín>>. Un día, en canto median o viño, o Lalín mandou pór a mesa, e dixo qu’il traguía unha lebre arreglada. Pero ao acabar de cear, o viñateiro púxose a berrar;

- Dous dous! Dous dous!

Que é como berran os zorros e coisto comprendeu o sacristán que lle metera zorro por lebre.

(Recollido en San Miguel de Melias -Coles- por María Sánchez Fernández, aluna da Normal d’Ourense. 1932).

O VENANCIO DAS PITAS

Estaba en Celanova un preso -coñecido ladrón de longa historia- que chamaban o das Pitas. E díxolle un día ao carceleiro:

- Déixame sair da cárcere ás doce da noite que volvo aixiña.

O carceleiro díxolle que non podía faguer eso, que podían despachalo do empleo, e contestoulle o das Pitas:

- Déixame sair que ás catro da mañá estou de volta con seis mil pesetas e a vostede doulle duas mil.

Díxolle o carceleiro:

- E logo, a quen vas roubar?

- Ao cura de Mourillós.

Por fin, o carceleiro deixou saír ao das Pitas, e roubou ao cura de Moutillós, pero ás catro da mañá já estaba de volta cos cartos.

Pra o outro día, o cura foi dar parte do ladrón, pero dixéronlle que non podía ser, porque o das Pitas estaba preso; mais o cura insistiu en que fora il. Pra convencer ao cura levárono á mesma celda onde estaba o das Pitas.

O ladrón, ao enteirarse, deu parte do cura e prenderon ao cura, e soltaron ao das Pitas. Así quedou o cura roubado e preso.

(San Miguel de Berredo - Carmen Somoza Pato - 1932).

OS DE CHOUZAN

No lugar chamado Chouzán, arredado d’Atán pol-o río Miño, onde hai familia encarregada de pasar n-unha barca con remos a todol-os viageiros, chámase iste sitio Barca ou Porto de Chouzán. O dito que din alí é o seguinte:

Os de Chouzán, en tempo dos figos, si s’encontran nun camiño e lle preguntan de onde son, contestan (facéndosoe moita cousa);

- De Chouzán, quere descambiar un peso?

Dinlle isto porque hai moitos figos, véndenos, e pos iso teñen moita calderilla. En troques, cando non hai figos, pergúntalle:

- Donde és?

E contestab moi humildes:

- De Chouzán, deme un peso pra pan.

(S. Esteban d’Atán, Pantón, Lugo. Josefa Rodríguez Vázquez. Indica tamén que en Seixalbo, Ourense, hai un conto semellante).

O CORPO DO DELITO

Ao abade de Santamaría a Graña, aló pol-os anos da primeira guerra calrista, secuestrouno unha partida de fauciosos, que o levaron ao monte, namentras os chefes s’istalaban na casa reutoral coas suas queridas, pasando alí a gran pándiga.

Cando o abade volveu, despois de ter pagado un forte resgate, fixo un <<auto de fé>>, queimando pubricamente as camas todas que había na casa.

(Penosiños - Ramirós - Purificación González Feijóo - 1932).

OU SUBÍU A PEDRA,

OU BAIXOU A ESTRELA

Na casa de Navin (Quiroga-Lugo) viveu a principios do século pasado o <<Astrólogo de Navin>>, home de costumes estranas, a quen a gente apuña gran cencia e sabencia. Cóntase que n-unha ocasión uns paisanos quixeron probar onde chegaba a cencia do Astrólogo e a tal fin puxeron un papel debaixo da pedra onde adoitaba sentarse no seu paso cotián do empardecer. Pouco tardou en chegar o Astrólogo, e os labregos chegáronse a saudalo, acompañándoo deica a pedra. Inda ben non se sentou, escramou en vos alta:

- O el cielo bajó, o la tierra subió!

Deixando pasmados aos paisanos.

Tamén contan que á súa morte, os señores de Lamela, cos que tiña estreita relación, levaron os legajos que tiña escritos, antre os que supoñen que iria as soadas Taboas de logaritmos, que dispois pubricou o ilustre Vázquez Queipo, da casa de Lamela.

(Quiroga-Lugo - Dolores Fernández Quintás - 1932).

- Francisca Herrero Garrido publica en Nós unha breve novela (no número 20, agosto 1925), unha poesía (no 91, xullo 1931) e un estudo sobre a muller galega -a continuación- (no 6, agosto 1921). Foi a primeira muller que entrou na Real Academia Galega (1945) e a segunda a quen se lle dedicou o Día das Letras Galegas (2018). Naceu e finou en A Coruña (1869-1950). Tratou a Rosalía de Castro e con ela comezou o seu amor pola poesía. Entre outras obras, a novela súa máis coñecida é ‘Néveda’.

A MULLER GALEGA

(...) A muller en Galiza, é a pedra cimental d’iste pazo feiticeiro, que no nomamos <<milloramento de crases>: é dicir, progreso. A muller que s’adica a traballos bastos, non pirmitirá xamais, qu’os seus fillos medren n-a mesma condición de servo martire. O caletre astrúciase, pra supril-o diñeiro. S’ela axuda ó seu home nós oficios mais ruins, as fillas, deprenderán n-un taller de costura: os fillos, farán recadiños n-unha tenda: e mais tarde, s’a sorte n-ós alumiña, emigrarán, n-a rebusca de medios qu’os arreden da fame (...).

(Francisca Herrera e Garrido. Oleiros, Marzo 28-916).

- Miss Annie Mac Swiney ten no número 8 (decembro 1921) un artigo sobre Terence Mac Swiney, seu irmán, alcalde de Cork do Sinn Féin, falecido en 1920 na cadea tras unha folga de fame. Tal como recolle a revista, notas mandadas expresamente pra Nós, por Miss Annie Mac Swiney, irmá do grosioso irlandés.

NOTAS DA VIDA DE TERENCIO MAC SWINEY

(...) Nas leuciós, era facilmente o pirmeiro da clase. As cousas qu’il aoitaba dicir unha y-outra vez eran asombrosas pra un rapaz dos seus anos. Lémbrome n-unha ocasión, cand'un dos frades lle preguntou o qu'houbera querido ser, tivo unha resposta sorprendente:

- Soldado!

- E levar unha chaqueta bermella e ganar un chelín diario? perguntou o frade.

- Non, levar unha chaqueta verde e libertar Irlanda, foi a tranquía réprica.

Velahí todo o ideal da vida de Mac Swiney (...).

- Margot Sponer escribiu Algunhas notas dos meus estudos sobre filoloxía galega na revista número 37 (xaneiro, 1927). Naceu en Prusia (Estado báltico desaparecido en 1918. O seu territorio sería hoxe Polonia, unha parte pequena de Rusia e a oriental de Alemaña) e morreu en Berlín (1898-1945) asasinada polos nazis o 27 de abril. Lingüista de carreira, cuxa tese de doutoramento titulábase Altgalizische Urkunden, co subtítulo de Documentos Antiguos de Galicia. Viaxou a Galicia en 1926 para conseguir documentación para a tese, aproveitando para contactar con xente da revista Nós. Ese ano foi proposta para formar parte do Seminario de Estudos Galegos. Mantivo moita relación con Vicente Risco.

- Algunhas notas dos meus estudos sobre filoloxía galega: coido qu’é un deber, pol-o demais pra min ben grato, qu’eu a grandeza dend’eiquí, e da forma mais cordial, todal-as atenciós, traducidas en facilidás e consellos pr’os meus traballos sobr’a lengoa galega qu’os señores don Vicente Risco, direitor da revista Nós e don Antonio Couceiro Freixomil Inspector de primeiro enseño, tiveron comigo; con moito gusto, e tendo n-elo grande honra, Sr. Risco, d’escribir algunhas notas sobr’o galego pra qu’aparezab n-estas llanas (...).

Te puede interesar