Distinción

O escultor Manuel Buciños: “Non parezo artista, teño unha vida moi normaliña"

OURENSE 3/02/2020.- Presentación exposición de Buciños. Anxo Lorenzo, Manuel Buciños, Manuel Baltar, Xesús Vázquez. José Paz
photo_camera Anxo Lorenzo, Manuel Buciños, Manuel Baltar, Xesús Vázquez presentan la exposición del escultor. (FOTO: José Paz)

A Deputación provincial anunciou que será fillo adoptivo de Ourense, recoñecendo "os méritos e a traxectoria deste irmán da Ourensanía"

Manuel García Vázquez (Buciños, Carballedo, 1938) é Manuel Buciños. A escultura galega–e por suposto a ourensá–non se entende sen o nome deste artistiña. As maternidades, os bustos, as parellas, o veciño, a rúa… Son a súa obra. "A min o que me emociona é o que vexo, só me interesan os sentimentos". Da súa terra natal quedou co nome de artista e a Ourense regaloulle 60 anos de escultura que emociona.

Segue a traballar. "É o único que sei facer". A Deputación provincial anunciou onte que Buciños será fillo adoptivo de Ourense, recoñecendo "os méritos e a traxectoria deste irmán da Ourensanía, un militante activo de Ourense, no que destaca o seu compromiso persoal e profesional coa nosa terra, da que fixo arte". 

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, anunciou esta distinción durante a presentación de "Diario de Artista", unha exposición que é "puramente" Buciños e se inaugura mañá as 20,00 horas no Marcos Valcárcel. 

Chega un momento no que os recoñecementos dan un pouco igual?

Home, aos premios moita importancia non lle dou. Pero este ten o seu sentido porque levo aquí en Ourense 60 anos, viñen con 10 anos facer o bachiller. Fun a Madrid facer a carreira, volvín, e xa quedei. Así que vexo con bastante lóxica que me fagan fillo adoptivo, eu encantado.

Xa viña artista ou fíxose en Ourense?

Sabía o que quería porque viña de familia de ebanistas. Empecei vendo os tallistas como facían os remates dos mobles e collín aí o gusto pola talla. Foi o meu primero contacto coa arte.

“Diario de Artista”. Cando empeza un a chamarse artista a si mesmo?

Eso eu non o sei, creo que quen o di é a xente que ve as obras. Se lles impactan, se se comunican con elas. Non sei se me considero artista, pero o que fago é o que me gusta. Non o fago por outros motivos, fágoo porque o preciso facer. Son cousas que vivo e sinto. Non lle pido máis á arte.

Entendería a vida sen esculpir?

Seríame difícil, porque levo toda a vida traballando. Teño o taller no baixo da miña casa, á mañá almorzo e vou. Ata que me chaman para ir comer non me movo. Aínda sigo baixando tódolos días ao estudio a facer cousas, porque o preciso. É o único que sei facer, non sei facer outra cousa.

Casa e taller chegan a ser o mesmo ou diferénciaos?

Téñoo ben diferenciado, si. Mánchome bastante porque me implico moito na obra, así que teño que cambiarme sempre para subir á casa. Fundo eu as cousas, repásoas, soldo… Teño bastantes profesións e son bastante sucio. 

Na foto da reportaxe de José Paz mira moi fixamente a súa obra. Adoita deterse moito a observar as cousas que fai?

Si, fágoo moito. Hai veces que teño que deixar de mirar. Se o deixo de noite, á mañá seguinte vou mirar se me sorprende, se estou dacordo ou non co que fixen.

É moi exigente consigo mesmo?

Desfruto moito, paso moitas horas e o tempo para min non conta. Quero conseguir o que eu quero facer.

Di seu amigo Acisclo que esta vida son todo bocetos para poder facer, ao final de todo, unha peza única. Comparte esta visión? 

Eu creo que a obra miña é diaria, os tamaños e as situacións non me importan. Sempre fun moi persoal. Facíame moita máis ilusión que un señor me comprara unha cousa a plazos porque lle costaba sacrificio que unha institución que tiña máis cartos. Iso dábame a min forza e ilusión para seguir traballando.

As maternidades, as mulleres… Son obra característica de Buciños. Que ve máis nelas, sexualidade ou sensualidade?

A min o que me interesa son os sentimentos, nada máis. As cousas que me emocionan son as que vexo, as que están no meu entorno, nos meus veciños, na rúa… Eu vexo unha maternidade desas cariñosas, que vai ao mellor protexendo ao fillo, e a min iso emocióname, chego á casa e fago algo. Eu quero comunicarme cunha linguaxe moi claro e sentimental.

De que desfruta?

Teño unha vida moi normaliña, non parezo artista porque son moi sensato e serio. Teño unha vida moi familiar, desfruto dos meus fillos e sobretodo das miñas netas. É unha marabilla telas na casa xogando. Teño moitos amigos, saio tomar un viño cando podo. Non fago nada raro.

Nada de artista.

Nada de nada. Nunca fixen vida de artista.



Un “agasallo" a unha traxectoria

"Diario de Artista" abre mañá as súas portas para facer un recorrido pola vida de Manuel Buciños. A Fundación Xoán Piñeiro comezá así esta serie de recoñecementos a escultores galegos. "Queremos facerlle un agasallo a figuras cunha traxectoria artística recoñecida, como é a de Manolo", explicou Xesús Vázquez, presidente da fundación. Na mostra haberá pezas dos inicios de Buciños, pero tamén algunha do 2020. Tampouco faltarán retazos do seu taller, para meter ao público no seu espazo de traballo.

Esta exposición manterase ata o 5 de maio. Durante ese tempo, celerarase un faladoiro no Teatro Principal co artista, no que Silvia Penas amosará o seu poemario "Buciños ou modelar o amor co vento". O escultor contará cun libro, "Diario de Artista. Buciños", que se lle entregará nunha cea no Liceo. "Esta publicación é moi importante, permitirá que este agasallo quede documentado", afirmou Anxo Lorenzo, director xeral de Políticas Culturais da Xunta.

Te puede interesar