Esculturas dos castros de Ourense

Pormenor da mostra.
photo_camera Pormenor da mostra.

Nas obras que extraen do seu almacén os do Museo Arqueolóxico co seu director Xulio Rodríguez á fronte, e que logo trasladan cos debidos coidados ata Afundación na Praza Maior, o que vén sendo dende fai lustros o seu cotiá espazo para as súas exposicións, vexo latexar unha afirmación de presenza na sociedade ourensá e un desexo de regreso á súa casa, o fermoso e vetusto Pazo que foi durante séculos residencia dos Bispos, e pecha esta praza de prazas polo sueste. Nesta acción e periodicidade hai como un sístole e un diástole cardíaco que vai do levante ao poñente, até o baixo da antiga e singular casa que fora do empresario Fermín García, onde está a mostra “Plástica castrexa”. Aínda máis, con isto o Arqueolóxico ourensá faise presente cun proxecto expositivo que adoita funcionar como un evento. Así hai que cualificar desta volta esta máis que agradecida mostra escultórica que asenta os seus reais no mundo mítico e do tempo das mouras e mouros feiticeiros, mitos que con espírito romántico nos transmitiron os devanceiros até Cuevillas e as xeracións posteriores que asentaron a arqueoloxía como ciencia dende as escavacións e mesmo antes delas, con técnicas científicas dos solos para contextualizar os achados coas estratigrafías e, a posteriori, coa súa análise de laboratorio. Así para irmos coñecendo os hábitats daquelas xentes pre romanas do primeiro milenio antes de Cristo e os primeiros séculos da era cristiá.

Hai aquí, en canto á tipoloxía desta exposición pétrea, obras de temática animal, tendo características verdadeiramente monumentais as dos deuses bélicos, cos seus pequenos escudos con punta central sobre o embigo, e as figuras sedentes, tan hieráticas, estatuas-bloque que se esculpen seguindo as leis do marco e do esquema xeométrico que divulgou Henri Focillon. Levan un obxecto nas mans, e torques nos brazos ou pescozo, sendo as cadeiras verdadeiros tronos. Hoxe están acéfalas mais... como serían as súas cabezas? Algunhas destas impresiónannos dende a súa finura e precisión na labra. Os seus debuxos en grandes paneis poñen o contrapunto necesario na análise visual, que os textos do catálogo iluminan. Moi significativo resulta decatarmos do sumo coidado na reprodución das orellas, o que nos pode indicar que son deuses que escoitan... Sorrimos co que sorrí e diante dos que abren os ollos plantámonos, mais aos que os pechan achegámonos paseniño, para tentar escoitar as vellas palabras nas súas abertas bocas. Oráculos?, preguntábase non hai moito o profesor Manuel Gago. De San Cibrán de Las, a Santomé e Armea. Ou Castromao. Hai abondosas mostras de trisqueis que amosan o movemento solar, posiblemente, cos radios curvilíneos, sólidos ou con ocos, en xiros circulares perfectos de compás. De labra plana ou volumétrica, descubrir nalgún restos de pigmentos vermellos fainos decatar dun mundo de cores, que terían as vestimentas de terse conservado. Hai máis, moito máis, como vizosas decoracións de entrelazo, nalgún caso reconstruídas en paneis. Mais achar entre todas unha rocha irregular cunha pequena poza con pigmentos vermellos fíxonos matinar dende este soporte nas artes pictóricas, e no paralelo coa Hélade ou Roma, culturas que adoitamos velas en branco, cando utilizaron a cor con profusión. Con aquela cor hai vestixios nalgún megálito. Por certo, en que idioma falaban os habitantes dos castros?

Te puede interesar