Estraños nun tren bala

Bullet train.
photo_camera Bullet train.

O ferrocarril e o cine revolucionaron profundamente a nosa forma de percibir o espazo e o tempo. Case á vez. La llegada de un tren a la estación de La Ciotat dos irmáns Lumière foi unha das primeiras películas que se exhibiron publicamente. Ese día, a lenda conta que, ao ver o tren avanzar cara á pantalla, o público asustouse. É unha anécdota non totalmente certa. Moi coñecida é a reconstrución que fixo Scorsese en La invención de Hugo (2011). Pero é verídico que o público da época vitoriana, totalmente fascinado cos trens, namorouse do ferrocarril case ao mesmo tempo que do cinematógrafo. A partir de ese “minuto Lumière” o tren empezou a aparecer noutras películas fundacionais da historia do cine. Entre elas, non se pode esquecer The Great Train Robbery (1903) de Edwind Porter que foi a primeira película de acción estadounidense e tamén o primeiro western.

Ao longo de máis de un século, centos de películas testemuñan a relación ancestral entre o ferrocarril e o cine. Un vínculo de amor que segue fascinando e sorprendendo tanto os creadores coma os espectadores. Así o demostra tamén Bullet Train, o novísimo filme de David Leitch. En Bullet Train, cinco asasinos mercenarios en busca dun maletín atópanse a bordo dun tren bala que viaxa de Tokio a Kyoto. Todos están unidos polo mesmo destino, e irán enfrontándose entre si ao longo da viaxe.

Bullet Train é un filme que remite ao cine de Robert Rodríguez ou ao Guy Ritchie menos estiloso, ao Tarantino máis salvaxe e tamén á produción negra coreana máis recente. É un mashup totalmente lúdico e delirante que mestura de igual forma comedia e violencia.

Leitch segue confirmándose como un dos máximos expoñentes do cine de acción e comedia da última década. Na súa filmografía atopamos películas como John Wick (2014) a secuela de Deadpool (2018) ou Fast & Furious: Hobbs & Shaw (2019). Incluso foi dobre de acción en varios filmes –tamén de Brad Pitt- e grazas a amizade con Pitt, en Bullet Train Leitch conseguiu del un papel moi logrado. O resto do reparto é estelar. Joey King, Aaron Taylor-Johnson, Brian Tyree Henry, Sandra Bullock, Hiroyuki Sanada... ou o célebre cantante de trap Benito Antonio Martínez Ocasi, alias Bad Bunny, no papel dun asasino mexicano en busca de vinganza. Todos xuntos forman un explosivo e irresistible grupo de antihéroes.

A nivel argumental, Bullet Train está cheo de xiros inesperados e sorpresas. As escenas de pelexas así como o movemento constante do tren conseguen manter un ritmo frenético e ter viva a atención do espectador ao longo de algo máis de dúas horas.

Sen medias tintas, polo momento Bullet Train pode ser considerada a película máis lúdica, ignorante e adrenalínica deste ano. Na medida en que o espectador se deixe levar polos raís deste bizarro entertainment, gozará da proposta. Polo contrario, aos que rexeitan este tipo de cine, si, este filme poderá causarlle un certo mal de tren.

Te puede interesar