ARTE ET ALIA

Exposición "Galicia, de Nós a nós"

Obra de Colmeiro, 1931, e apeiros do agro.
photo_camera Obra de Colmeiro, 1931, e apeiros do agro.

O discurso argumental elaborado polos comisarios Afonso Vázquez-Monxardín e Ana Acuña preséntase dividido en dous edificios nesta gran mostra por mor do seu volume. Funcionan así como dúas exposicións complementarias, o que permite a súa análise dende a separación dos espazos, o de Abanca na Praza Maior e o Centro Cultural da Deputación. Ámbolos edificios están unidos polo fío do Modernismo e da súa orixe, as actividades empresariais, sendo este encargo de Simeón García a Antoni Serra i Pujals, 1897. As súas fachadas locen o emblema dod._ramn_otero_por_n_pulido,_1975_e_libros_do_patriarca_das_letras_galegas_resultado Comercio, que aquí está na senlleira casa que Daniel Vázquez Gulías levantou para Fermín García Villalón, 1909, con singular soportal de tres arcos, carpanel o central, de medio punto os laterais polo que se entraba ao comercio e agora á Sala Afundación. No percorrido desta exposición "Galicia, de Nós a nós" achámonos cunha foto de Risco acompañando a Cuevillas no castro de Lás, 1922, e Otero Pedrayo no Pazo de Trasalba, retratado por Antón Pulido pouco despois de morrer a súa dona en abril de 1975, en xesto inquedo e tristeiro, como ventando as Parcas, que lle darían cita para a Primavera seguinte. Aquí están Os Artistiñas, con dúas boas obras de Acisclo e Xaime Quesada, e unha moi menor de De Dios. Con eles Buciños e Pousa, e Virxilio, mágoa a ausencia de Baltar. E tamén dos coetáneos Faílde e Prego, presentes nos faladoiros de Risco no Hotel Parque, onde acudía Conde Corbal. Deste son as iconas simbólicas do grupo de Nós, 1975, colocadas sobre a bandeira Galega con escudo entregada en Buenos Aires a Castelao “como ofrenda â sua Patria e para que flamee n-ela o día da ansiada Liberdade. 28-6-1946”. A Terra e a Muller como temas centrais do País explican o ensaio de Francisca Herrera (+1950) “A muller galega” na Revista en 1921 e a Leiteira, 1911, de María Corredoira Ruiz, coñecida despois como Carmen Corredoyra. Un arado e os tipos de xugos van entre cadros de Imeldo Corral e Labranza, 1931, de Manuel Colmeiro, autor relevante de Os Novos con gran compromiso con Galiza, como ben de salientar un recente estudo de Carlos L. Bernárdez. 

As pezas medievais importadas de Limoges da Catedral e o Cristo de Ambía, a Inmaculada de Juan de Juni, 1577, comparten sala con Florentino Cuevillas e obxectos persoais do Pai da arqueoloxía, un As do Emperador Tiberio, un torque ou a estela funeraria de Florderrei Vello, o que nos fai lembrar o inaudito caso do Museo Provincial Arqueolóxico e de Belas Artes, pechado en todo o que levamos de século. O cartaz de Luís Seoane das Primeras Letras Galegas 1964, a publicidade da revista, como a de El Cronómetro en 1933, negocio na Rúa da Paz enfronte de onde naceron Otero e Risco. Este escribe no mesmo número “Nós, os inadaptados”. E así como as cereixas vanse enredando. Como Blanco Amor en oratoria na manifestación pro-Autonomía de Galicia, 4.XII.1977, o que debemos relacionalo poema de García Lorca no “Marcos Valcárcel”. Da exposición en exhibición aquí daremos contra, doutra volta.

Te puede interesar