Unha exposición invita en Mondoñedo a 'redescubrir' a Álvaro Cunqueiro, o 'maior fabulador' da literatura galega

O conselleiro de Cultura, Roberto Varela, participou este venres en Mondoñedo (Lugo) na inauguración da exposición 'Non neno novo do vento. Cen anos con Álvaro Cunqueiro', unha mostra que invita a 'redescubrir' a figura do escritor ao que Varela cualificou como o 'maior fabulador' da literatura galega.
O conselleiro inaugurou así unha exposición organizada pola Xunta en colaboración coa Fundación Penzol, a Editorial Galaxia e o Concello de Mondoñedo no centenario do nacemento de Álvaro Cunqueiro e coa que se pode 'ir de visita a eses mundos máxicos e, de regreso, se achegar ao Cunqueiro que se esconde tras mil e un disfraces literarios'.

'Cen primaveras transcorreron dende o nacemento do maior fabulador da nosa literatura, e aínda hoxe a súa obra -xenerosa como o seu enxeño- continúa agigantando a figura de Don Álvaro', sinalou o conselleiro, que eloxiou a 'herdanza' do literato que 'responde ao seu desexo de favorecer á cultura galega cunha forza e unha vitalidade que quizais nin sequera o mesmo podía imaxinar'.

A exposición, comisariada por María García Liñeira e Víctor Freixanes, está composta por 16 paneis nos que se fai un percorrido pola vida e obra de Álvaro Cunqueiro.

Así, en oito vitrinas preséntase unha selección bibliográfica da súa obra galega e castelá, ademais de traducións a diferentes linguas estranxeiras, unha pequena selección da súa obra xornalística e unha selección de prensa sobre as distintas etapas da súa vida. As vitrinas complétanse ademais cun 'escollido fondo documental'.

A mostra conta ademais cun espazo escenográfico realizado por Rodrigo Roel, que recrea o estudio de Cunqueiro con figuras de tamaño natural do mago Merlín e Felipe de Amancia, personaxes da súa obra 'Merlín e Familia'. No ámbito audiovisual, preséntanse distintos documentais sobre o autor, entrevistas e gravacións sobre montaxes de obras teatrais de Cunqueiro.

A exposición poderá ser visitada dende este venres e ata o próximo 18 de maio no Auditorio Pascual Veiga de Mondoñedo, dende onde se desprazará a Santiago, Ourense, Lugo, A Coruña, Pontevedra, Ferrol e Vigo.

Te puede interesar