Cultura

Expresións artísticas femininas en el Sol Maior

Cultura

Arte et Alia

Expresións artísticas femininas en el Sol Maior

Unha das estacións do dó, co cabelo da artista.
photo_cameraUnha das estacións do dó, co cabelo da artista.
Na música do Barroco sol maior era para moitos compositores a "tonalidade da beizón"

Na música do Barroco sol maior era para moitos compositores a "tonalidade da beizón". En Ourense, nestas últimas semanas hai mostras de til feminina, e aínda outra dun volátil artista co punto de cruz, semellando a cidade máis que nunca un espazo expositivo consonte ás telúricas claves acuosas multiseculares que nos definen dende o mundo romano, e de seguro aínda antes, como acreditan Calpurnia Aebana e Licamanda.


Kintsugi de Neves Seara


A primeira delas é unha asisada proposta na que a artista de clara orixe ourensá amósanos, con poesía e fotografía, un anaco recente da súa vida, en «Transitar a ruína», e faino dende as súas especialidades, os micro escenarios ou instalacións físicas na sala do primeiro andar do centro cultural da Deputación, e a performance art. Esta última fíxoa Neves na inauguración coa súa palabra, modulada no ton e mesurados xestos, para expresar dende as súas íntimas emocións a arte despregada na sala.

Esta da comezo co deserto e a gorida, pasando polo espellismo, sendo a segunda unha vizosa expresión cos camisóns pendurados sobre a la, material do leito, e neles fotos e poemas... E das gaiolas, unha potente imaxe, pasa a coser a ruína, símbolo do embrutecemento sensorial co traballo arreo, e o camiñar ás présas, que expresa coas maletas abertas e un espello, para dar paso ao que chama diario dunha fogueira: unha resolutiva composición expresada coa súa cabeleira cortada, decisión transcendente.

Finalmente, fotos en B&N e un poema con sementes, para descubrir que ela é natureza e raiceira, “somos montaña y raíz, /semilla y vientre”, como escribe. Eis unha conclusión de sandación, válida nos tempos que corren, consonte á filosofía do “kintsugi”, ancestral práctica xaponesa coa que se restaura unha cerámica cun verniz de resina e po de ouro, asociación de María Gil no catálogo. Eis unha afortunada idea de resiliencia logo de “casi tres años de desierto”, segundo Seara.


"Ellas" en Visol


Son Mulleres nas Artes Visuais, unha colectiva organizada por MariCarmen Vidal, a galerista, e Tareixa Taboada, artista que alí traballa, arredor do 25 de novembro, data da ONU para poñer fin á violencia contra as mulleres. E con ela, dezanove artistas máis do seu fondo de galería, e obras que levaron ex profeso. Dende o escaparate, aquela, con Soledad Penalta e Ruth Lodeiro, ademais de Lola Catalá.

obras_de_catro_artistas_no_escaparate_de_visol_resultado

Dentro, Ehlaba, Marita Carmona, Marcela Santorun, María Lezón Ana Gil, Pily Reñones, Prado de Fata, Ana Ferreiro, Loreto Santaella, Sula Repani, MªConsuelo Mendoza, Mizi Lee, Natasha Lelenco, Svetlana Kalacnik e Yolanda Carbajales. En coincidencia con esta iniciativa presentouse en Galicia o catálogo de “Mulleres do silencio”, exposición do Marco-Vigo, poñendo de manifesto como as mulleres son o 70% do alumnado en Belas Artes mais cando rematan os estudos teñen apenas o 30% de oco profesional para o seu traballo.

Así pois o obxectivo segue a ser o de salientar o seu talento, historicamente agachado durante séculos. E no Museo do Prado, Madrid, estase a amosar “Historia de dos pintoras: Sofonisba Anguissola y Lavinia Fontana”, unha recuperación histórica que continúa a liña de Clara Peeters.