A feira das ilusións

callejón.jpg_web
photo_camera callejón.jpg_web

Tras o éxito do insólito romance La forma del agua (2017), Guillermo del Toro volve á gran pantalla cun remake de El callejón de las almas perdidas dirixido por Edmund Goulding, adaptación da novela homónima de William Lindsay. A historia, ambientada no 1941-coa pantasma da Segunda Guerra Mundial e co nazismo fóra de cadro relata o ascenso e a caída de Stanton Carlise (Bradley Cooper). Aparecido misteriosamente nunha feira e cun pasado escuro, o xove buscavidas comeza a traballar como aprendiz memorizando as ferramentas do mentalismo. Mudarase á cidade para intentar enganar ós peixes gordos da metrópole. Ao principio parece manter o control sobre as mentes inxenuas dos cidadáns. Finalmente a súa ambición rematará converténdose na súa propia perdición. Especialista do cine fantástico e de terror, o cineasta mexicano demostra sentirse cómodo na dimensión do noir. A cámara móvese segura neste universo retro bizarro. Tanto a fotografía de Dan Laustsen así como o decorado e o vestiario explotan ao máximo a beleza gótica da feira de atraccións do rural e o art decó da cidade. Seguramente é un universo que ten máis que ver cos freaks de Parada de los mostruos (1932) que co circo de Fellini.

Esta nova versión de El callejón de las almas perdidas é un enxendro cinematográfico fascinante con dúas miradas: unha conectada co Hollywood do pasado, e a outra en liña coa contemporaneidade. O guion, coescrito polo director xunto con Kim Morgan, mantén as mesmas liñas de tres actos e case sen traizoar os diálogos orixinais. En cambio profundiza máis a psicoloxía das personaxes femininas. Nesta nova versión, Molly (Rooney Mara), Zeena (Toni Clette) ou a psicóloga Lilith Ritten (Kate Blanchett) aparecen libres de clichés e máis redondos que no filme do 1947.

Tamén o final desta traxedia é máis demoledor. Del Toro aclara de forma contundente quen son os monstros e como se crea un enxendro.

El callejón de las almas perdidas é un filme do vello Hollywood, onde, como nos filmes de Hitchcok, os pecados se pagan caros. Á súa vez, de forma metafórica, a película fala sobre o tempo presente, sobre as mentiras e os falsos profetas. É un espello sobre a sociedade contemporánea que vive de ilusións, xa incapaz de distinguir entre a verdade e o engano. É un relato ambientado no pasado pero moi actual. Fala daqueles que viven ao confín entre a apocalipse e o entroido e que confunden a popularidade coa credibilidade, o diñeiro co éxito. O fracaso pode ser realmente moi doloroso cando se precipita desde unha altura que nunca estivo firme debaixo dos pés.

Te puede interesar