Cultura

O Festival Rebulir concentra o folclore de seis comunidades

rebulir4_resultado
photo_camera A presentación do festival contou coa presencia dos músicos do Ballet Dakar. (ÓSCAR PINAL)
Ademais de Galicia, Asturias e Andalucía tamén participan grupos de Paraguai, Portugal e Senegal

O Concello de Ramirás celebra o Festival Internacional Rebulir (FIR), cunha gala central que terá lugar mañá sábado no polideportivo de O Picouto. A XIV edición, baixo o lema "Cultura ata a medula", vai adicada aos doadores de medula ósea. O festival foi presentado e inaugurado no Centro Cultural Marcos Valcarcel, contando co vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández; a delegada territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Marisol Díaz; a alcaldesa de Ramirás, Isabel Gil; a responsable de comunicación da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue da Consellería de Sanidade, Ángeles Pazos, e o director artístico do FIR, Alexandre Sotelino.

En canto ás novidades, Sotelino destacou ao actor Pepe Penabade, como presentador da gala central, onde representará a súa personaxe do afiador Rudesindo da Barrosa. "Esto vai supoñer que a gala será teatralizada cun guión continuo que guiará aos espectadores por diferentes lugares do planeta na traxectoria dun afiador", sinalou. Outra das novidades é o proxecto que se realizou nos últimos meses no Centro de Educación Especial Manuel López Navalón de Santiago de Compostela onde os mozos do obradoiro de cerámica elaboraron as lembranzas que se entregarán no FIR.

A gala, prevista para as 19,00 horas, acollerá as actuacións de seis agrupacións, ademáis do colectivo anfitrión, Rebulir. Mostrarán o seu folclore a Banda de Gaitas de Noreña xunto co Grupo Xeito (Asturias), Grupo Coral Bafos de Baco (Portugal), Grupo folc. Ciudad de Cádiz (Andalucía), Compañía Internacional Jeruti (Paraguai) e o Ballet Dakar (Senegal). Tamén asistirán os galardoados cos Premios Rebulir da Cultura Galega 2019: Antonio Durán "Morris", pola súa traxectoria nos medios audivisuais; Rosa Cedrón, no eido da música galega; e a representación da Coral de Ruada.


Unha cita solidaria adicada aos doantes de medula ósea


Rosendo Fernández salientou a posición de Ramirás para esta fin de semana como "o epicentro dunha cita internacional de música e danza, que chega coa intención de amosar un amplo repertorio musical e étnico a todos os ourensáns". Marisol Díaz fixo fincapé "na base e esencia do certame: o enriquecedor contacto interxeracional entre nenos e maiores e na labor que se fai a prol do noso para dinamizar socioculturalmente a nosa provincia". 

Pola súa banda, Ángeles Pazos amosou a súa felicidade por que "Rebulir teña contado con nós e o festival estea adicado ao solidario e xeneroso xesto da doazón, que tan ben e tanto caracteriza aos galegos”. 

Mentres, a alcaldesa de Ramirás, Isabel Gil Álvarez, insistiu en que "seguiremos apoiando esta iniciativa con tanta vida que nos enche de orgullo, tanto a nivel institucional como veciñal".

Te puede interesar