Galaxia publica en edición dixital a obra de Carlos Casares

Baixo o título 'Dez anos con Carlos Casares' Editorial Galaxia inicia mañá venres numerosas actividades relacionadas co escritor desaparecido, entre as que destacan a edición en dixital da súa obra.

Ata fin de ano e cada dúas semanas, irán aparecendo diferentes artigos no blog de Carlos Casares que se activará proximamente na web: editorialgalaxia.com.

Así, na primeira entrega, o escritor Antón Riveiro Coello, autor que recoñeceu en moitas ocasións a importancia de Casares na súa literatura, escribe un esbozo biográfico dun autor ao que define 'como un pai, un mestre'.

Por outra banda, a profesora de Educación Infantil Ánxeles Abelleira fai unha achega a algúns dos libros dirixidos ao público infantil dos escritos por el.

Finalmente, o escritor e actual director de Galaxia, Víctor F. Freixanes, publica un texto sobre a faceta xornalística de Casares.

Para este ano 2012 Editorial Galaxia acomete tamén a dixitalización das obras de Carlos Casares, de xeito que se poderá acceder á adquisición destes libros agora preparados para a súa lectura dixital.

Por outra banda, e coa idea de presentalo na Feira do Libro da Coruña, que se organiza en agosto, mes no que naceu Casares, Galaxia publicará un libro de homenaxe, obra de Rafael Laso.

A obra terá abundante material fotográfico e fará un achegamento completo á biografía de Casares. Ademais, a publicación conterá entrevistas con amigos que o coñeceron ben e distintos escritores que se viron influídos polo seu traballo.

Finalmente, e coincidindo co final deste Ano Casares, publicarase un número especial da Revista Grial dedicado integramente á súa vida, obra e pegada literaria.

Te puede interesar