Arte et Alia

Hai un lagarto na saia da Carolina

Na saia da Carolina.
photo_camera Na saia da Carolina.

Amósase nestes días do mes de santos no container de arte de MUR Marxinal A saia da Carolina, un proxecto singular de Clara Martín ilustradora e escritora premiada. Cristalina López Martínez (n.1969, Verín) presenta como artista quince colaxes que expresan na súa asisada man como ilustradora unha serie de obras de mediano formato e grande contido. Mulleres en moda vintage dos sesenta/setenta, que levan xeados, maracas, culleres con fresas e arándonos, frores ou tesoiras. Os fondos completan a mensaxe explícita, así nesta última a dona séntase no mundo e noutra o seu corpo está recuberto de cartas do corazóns do póker. O lagarto loce enriba dos microsurcos dos discos de vinilo da muller que nos sorrí con rosas nas mans e bolboretas que saen da súa cabeza. E noutra que canta con gabardina diante dunha cadeira cun cubo cheo de frores co mar e o ceo por tras. Esta serie cobra vida, dende o texto dunha famosa canción popular galego-portuguesa que se popularizou fai medio século, cantada no disco Sementeira polo fulcral grupo galego folk “Fuxan os Ventos”: no curro da carolina non entra carro pechado, / namais entra carolina co seu cocho polo rabo, sinalando a escritora “aí están algúns dos seus protagonistas, como o lagarto, e a filosofía reivindicativa do feminismo, a liberdade sexual e a liberación de xénero”.

E Sálvora díxolle á perruqueira “- Cortamos? - Só as puntas, (que) estou deixando medrar os xenios.”, ou as Furias / Erinias, se queres mellor, retrucoulle toda chea de razón, pois a cada porco lle chega o San Martín. Alí estaba esta obra entre as que conformaron a exposición O que comen as bruxas, que estreou entre nós no Espazo de Arte da rúa do Paseo o pasado verán. Todo elo se insire no Movemento Femmage que, dende a acción de Miriam Schapiro nos anos setenta, ponnos diante dos ollos a presenza das mulleres artistas ao longo da historia e de tódalas culturas.

UTERUS SIUE OULUA

Fai unhas datas, no Liceo, co-presentou a artista co autor un singular libro no que as súas ilustracións sosteñen e amplían a escrita poética que firma o ensaísta Xulio Pardo de Neira, doutor na Universidade da Coruña, amigo seu. Trinta colaxes analóxicos dela para trinta e nove poemas, emocións en imaxes visuais e escritas, vestidas e convertidas en arte con imaxes, que falan da Muller con maiúsculas, de home a muller, e de muller a muller, pois o autor “fala en feminino moitas veces” como sinala no limiar Katleen March, para engadir acto e seguido “o eu navega, augas, espellos e arelas e apaña os fíos dun fillo, home e amante: é homenaxe ao feminino”. Ademais o libro vai con finas imaxes de ilustradora, que envolven follas e frores en delicadas liñas que van guiando con elegancia e savoir faire un produto editorial de Fervenza no que aboia o coidadoso senso de sentir este libro como arte ao cadrado cos dous autores, para engadirlle dende o formato elixido, a tipografía e o tipo de papel que este “uterus siue matrix, organum muliebre est”, é unha obra para mostrar que a paixón non ten xénero, como ámbolos dous autores aseguran. Eis a orixe ab ovo.

Te puede interesar