Tres horas có pai de Balbino

neira_vilas_xabi
photo_camera Xosé Neira Vilas, no seu despacho de Gres.

Non foron as 'Cinco horas con Mario' de Miguel Delibes, tampouco as catro con Bárcenas que pasou Pedro J. Ramírez, pero tres ao carón de Xosé Neira Vilas, o pai de Balbino, deron para saber que hai homes irrepetibles.

Na biblioteca da Fundación Xosé Neira Vilas en Gres (Vila de Cruces) traballou ata antonte o autor de 'Memorias dun nego labrego', a obra máis traducida e vendida da literatura galega. Logo de moitos anos, por primeira vez Reyes, a bibliotecaria, non tivo que pasar a ordenador os pensamentos dun escritor xenial e dun home irrepetible. A noite anterior ao seu pasamento, Neira Vilas falou có editor Antonio Couto para interesarse pola presentación dun novo proxecto que tiña entre mans coa Editorial Bolanda. "Chamoume para fixar a data de presentación dunha reedición ampliada e reilustrada de 'Contos vellos para rapaces novos' que está no prelo e pola mañán atopárono morto na súa cama", comenta Couto con mágoa. 

Para Neira Vilas a escrita era a súa vida pero non o sustento, confesou no Nadal de 2013 durante unha entrevista co gallo da publicación da súa 'Memoria gráfica', tamén en Bolanda: "Sempre me levou idea. Xa de pequeno escribía obriñas de teatro. En Buenos Aires coa miña dona Anisia, unha cubana filla de emigrantes ourensáns, fixemos Xornalismo mentres traballaba polo día, creamos a editorial Follas Novas e cando triunfou a revolución cubana decidimos marchar. Ofrecéronme todo tipo de postos relacionados coa escrita, pero non os aceptei. Recordaba un consello de Blanco Amor, que me dixera: "Nunca profesionalices a túa vocación. Traballa no que sea e escribe logo o que queiras. O arte de escribir ten que ser para ti un placer e non unha obriga". E cumprino. Entrei a traballar no Ministerio de Industria en Cuba". 

Foron tres horas de conversa apaixonada có pai de Balbino, o protagonista de 'Memorias dun neno labrego', unha obra que marcou fondamente a máis dunha xeneración de mozos: "Foi posiblemente o libro máis fácil. Escribino en tres meses nun café do barrio porteño de Villa Urquiza. Traballaba nunha empresa de importación de madeiras, facía as xestións bancarias e cando remataba metíame nese café. Chamábase La Vieja Viena e pertencía a Constantino, un galego. A Evencio, o camareiro que me atendía, leíalle o que escribía, aínda que non entendía gran cousa".

Evencio non o entendería, pero estamos a falar do meirande éxito da literatura galega. "Non me esperaba que tivese tanto éxito nin que se fagan tesis doutorais... Está traducido a 17 ou 18 idiomas e levánse publicado 700.000 exemplares. Balbino ou 'Memorias dun neno labrego' desbórdame, pero tamén é certo que impide que se coñezan outros libros meus", comentou Neira Vilas aquela noite na que acabamos falando na súa casa ata que lle chegou a hora de deitarse pensando no que ía escribir o día seguinte, como fixo antonte logo de chamar a Antonio Couto.

A ler e a escribir adicáballe todo o tempo. En Arxentina apuntouse a clases de conducir, pero acabouno deixando e non por preguiza. "Decateime de que se conducía tiña menos tempo para ler neses longos traxectos de Buenos Aires", comentou rindo. Nen sequera quería empregar un par de días en aprender a utilizar o ordenador porque era tempo que perdía para avanzar nos seus proxectos.  Prefería traballar nunha atigua máquina de escribir. 

MEMORIA PRODIXIOSA

Durante aquela entrevista ergueuse da cadeira máis dunha ducia de ocasións para antender o teléfono ou para buscar algún papel. A súa memoria era tan prodixiosa como a pegada da súa escrita, o seu corpo miúdo duro como un vimbio. Dicía que lle quedaba moito por publicar e tiña que aproveitar cada minuto. "O peor que lle pode pasar a un escritor é ter un bó instrumento pero non ter nada que decir. A mín sóbranme ideas. Teño catro ou cinco temas pendentes. Incluso teño por publicar un libro que aínda non llo din a ninguén sobre Isaac Díaz Pardo, no que inclúo a correspondencia. Empecei tamén un libro sobre galegos que se chama 'Semente galega en América', na que destaco en textos cortos a moitos persoeiros como o que fundou o corpo de bombeiros de Buenos Aires". Neses dous anos foi quen de publicar os dous e xa andaba preparando a presentación da reedición de 'Contos vellos para rapaces novos'. 

Home "de esquerdas aínda que non militaría nunca nun partido político", defendía a Fidel Castro e a Che Guevara, có que traballou no ministerio de Industria, diante de quen quixera escoitalo:"Digamos que son un galeguista, se cadra nacionalista, pero nacionalista moderado que non pretende a separación como quere facer Mas en Cataluña. Propoñería un sistema federal, con máis autonomía". Aos 16 anos, fixo en Gres un curso de contabilidade por correspondencia que atopara nun xornal, pero emigrou malia levar as contas dun aserradero porque quería aprender. En Buenos Aires atopou "un mundo extraordinario",  fixo de Cuba a súa "patria paralela" pero o labrego volveu a terra, a mesma onde ficará coa súa amada Anisia.  

Te puede interesar