A fala dos vellos

A bolboretiña do día: "Deica a fin dos tempos, galego"

descarga_resultado

Do árabe chegou ás linguas da península o de “hasta”, “até”, “ata”, e se cadra por iso -non estar na fala desde a orixe, cando apodrecía o latín- non deu consolidado unha forma única no galego. Escóitase moito tamén “astra” como vulgarismo. A forma normativa “ata” non está mal. Como o a final é átono cae na fala ante outra vogal que veña logo, así pronunciaremos “Isto sábeo at’o máis parvo” e así disimula ben unha forma que se restaura desde fóra da cadea da fala actual.

Así e todo, debemos revitalizar unha forma que non aparece entre os falantes novos ou de novo: “deica”, tanto no espazo coma no tempo, pero nunca para o sentido de “incluso” do exemplo anterior. Podemos -e debemos- dicir “Deica Vigo hai 98 quilómetros”. “Non tes vacacións deica o un de agosto, non si?. “Deica o ano que vén faltan moitos enteiros”. Boa noite e deica mañá.

Te puede interesar