ARTE ET ALIA

A luz esencial de Mercè Domínguez e Juan Rivas

Mercé Domínguez ante as súas instantáneas no Ollo Ledo Café.
photo_camera Mercé Domínguez ante as súas instantáneas no Ollo Ledo Café.

Dende os seus ollos, e o das cámaras Canon e Nikon de fotografía analóxica que utiliza Mercè Domínguez (Mercedes Domínguez Sierra, Barcelona, 1959), mira incansable á cidade dende fai anos. Ela é memoria viva dos seus cambios, e así nos decatamos nunha ollada detida á súa exposición «Con luz e con sombra» no soto do Ollo Ledo Café, que dirixe o empresario-artista Xosé Vilamoure na Praza das Mercedes... Nel pódeste atopar unha proxección cultural, un concerto musical ou un mercado solidario, citas do último mes do ano, ou esta exhibición fotográfica de Mercè. Dende que vivira coa súa nai en Cataluña, nunha viaxe dende as terras de Parada das Viñas (Vilariño de Conso, Ourense-Diocese de Astorga), vive e traballa entre nós dende fai anos. E viaxa pola nosa xeografía provincial, galega ou Porto e Lisboa. Logo amosa as fotos de pequeno e medio formato nos cafés Isaac e Auriense, o Grándola, e tamén Arca da Noe e Basquiart. Aquí nesta galería colgou “Mulleres” destacando a primeira muller en poñer pantalóns nos 90. Coñecémola dende as súas obras na compaña do debuxante Felipe Bardelás, Sindicato do Comic, 2018, e agora a carón dun amplo elenco de suxestións, que reflicten o seu afán de ver. Como a luz nas mazás sobre o talleiro, na casa do seu fillo en Oleiros (Santo Estevo de Ponte Castrelo), Castro Laboreiro, unha porta da igrexa dun mosteiro cisterciense ou reflexos da cervexa na copa, nun torrente sen fin. Dende a afección transmitida polo seu pai e a inspiración de Imogen Cunningham ou Álvarez Bravo, a súa é unha arte sen palabras e fronteiras (Rodríguez Fer).


RIvas


Achégase a nós o artista pontevedrés da man de Ángel Cerviño (1956), á sala institucional do primeiro andar do Centro Cultural da Deputación na que exhibe as súas obras Juan Rivas Fernández (1974), óleos de nocturnos viarios en pequeno formato. Afincado en Marín, é profesor de ensino medio, logo de licenciarse en Belas Artes na Universidade de Vigo. As obras da mostra comprenden os anos dende 2014, momento en que expón en Vigo, levándoa á Galería Estampa de Madrid en 2015, sendo o groso da mostra dos anos sucesivos até 2019, que ten amosado no Pazo Torrado, Cambados, e na Galería viguesa Lilliput. O xeneroso catálogo recólleas e os textos xerados. Gusta tamén de pintar espazos arquitectónicos de equilibrados volumes e cores planas, dende a fotografía. Aquí recolle o recuncho dunha curva ou cruce de estrada, que visita de noite á luz dun farol, para ir acadando na tela, sesión tras sesión, os nocturnos... Nalgunha obra gusta de amosar distancias dende o primeiro termo iluminado no Freixo, e por tras as luces que escintilan o perfil da costa na Ría. O seu é un destaque de anacos de espazo grises e romos que cobran protagonismo coa iluminación viaria do concello, asfalto e lindes, falándonos non da paisaxe senón da percepción, dese descubrimento súpeto onde achar o silencio. Mais tamén o misterio que se agocha nas fendas do cotiá. Porque o real é estreito, e o posible inmenso, que diría Lamartine.

Te puede interesar