LETRAS GALEGAS

Máis de 100 actos lembrarán a Xosé María Díaz en Galicia

A Xunta organizará máis dun centenar de actividades sobre a obra e figura do poeta e tradutor lugués Xosé María Díaz Castro, ao que neste ano é dedicado o Día das Letras Galegas.

O conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez presentou onte na Cidade da Cultura a programación do Executivo galego para resaltar a figura dun home que, nas súas palabras, "nos legou un corpus poético elaborado con paciencia, aquilatado polo tempo, admirado polos autores coetáneos e que agora é preciso difundir o máximo posible". Tamén expresou a intención do seu departamento de outorgar á celebración "un carácter transversal, que implique o conxunto da sociedade galega, favorecendo a realización de iniciativas desde diferentes ámbitos, dentro e fóra do noso territorio".

Entre os actos previstos, figuran varias edicións conmemorativas, estudos críticos, traducións e versións bilingües ao éuscaro, inglés e ruso, a exposición itinerante "Nimbos de luz", documentais, webs monográficas, así como actividades de dinamización lingüística nos centros educativos e difusión da obra de Díaz Castro nas bibliotecas de Galicia.

Alén do conselleiro, na presentación estivo presente o presidente da Real Academia Galega (RAG), promotora da celebración, Xesús Alonso Montero, e outros representantes do mundo da cultura.

Na programación participarán entidades como a CRTVG, o Centro Galego de Artes da Imaxe, a Rede de Bibliotecas de Galicia e outras privadas como a editorial Galaxia ou a Asociación Xermolos.

No referente á celebración da Día no exterior, a Xunta destacou a participación dos centros de estudos galegos, con presenza en 38 universidades, e os propios centros e casas de Galicia.Sobre Díaz, o conselleiro dixo que "cada texto é unha luminosa peza redonda, feita coas palabras adecuadas, nin máis nin menos", concluiu.

Te puede interesar