A fala dos vellos

A bolboretiña do día | Medicinas e menciñas

descarga_resultado

Como saben vostedes, o galego vén do latín. Así, onde eles dicían “lactem”, nós dicimos “leite”, cousa normal. Pero ás veces, dunha palabra latina saen dúas ou máis galegas, en función do momento no que evolucionen. Por exemplo, do "medicina" latino saíu “menciña” e comezou sendo calquera remedio para curar. Así, mel con limón e aguardente é unha boa menciña contra o catarro, por exemplo. E saiu, logo da Idade Media, "medicina" como a ciencia da saúde ou a facultade onde se estuda. A medicina funciona, entre outras cousas, con medicamentos, fármacos ou, tamén, menciñas, sinónimos, para nós, os tres. E hai unha evolución ben curiosa e interesante a nivel popular. Cando calquera galego falante popular di que lle hai que botar “medicina” a unha planta, está falando de “herbicida”. Este uso irónico é tan xeral como en Portugal usar “mecinha” só para os enemas ou lavativas. 

Así que distingan ben, menciña, remedio ou medicamento, e Medicina, ciencia médica. E non se lles ocorra dicir nunha farmacia de Portugal que precisaban unha “menciña” para a dor de cabeza, non vaia ser. 

Te puede interesar