Aniversario de Blanco Amor | Entrevista

“Non se pode ter a Blanco Amor agochado, puxo Ourense no mundo"

Carlos Laíño, na inauguración da exposición. (Foto: Miguel Ángel)
photo_camera Carlos Laíño, na inauguración da exposición. (Foto: Miguel Ángel)
Carlos Laíño e o responsable do arquivo privado máis importante sobre Eduardo Blanco Amor

Carlos Laíño Lorenzo (Vilardevós, 1952) non presume de ter a colección privada máis importante sobre Eduardo Blanco Amor. "Podería? Si. Pero non quero, o sitio  no que ten que estar todo é en Ourense. Teño feito artigos, exposicións, conferencias... Pero nesta gran exposición tiña moito interese, coma esta non hai ningunha", explica sobre a mostra "Pervivencia e actualidade de Eduardo Blanco Amor" que se inaugurou onte no centro cultural Marcos Valcárcel.

Nas paredes colgan os debuxos feitos polo caricaturista Siro e nas vitrinas atópase a colección bibliográfica sobre o autor de "A Esmorga". Son máis de 200 volumes que dende agora deixan a casa de Laíño para exhibirse á sociedade ourensá. Ademais, cando remate a exposición, doará os fondos á Fundación Eduardo Blanco Amor. Laíño, que foi esudante normalista, mestre de nenos e profesor de música, séntese "ourensanista" polo seu Vilardevós natal, aínda que aos dous años xa marchou para A Coruña.

Sen dúbida, a súa conexión máis ourensá é Eduardo Blanco Amor, o escritor que se convertiu en amigo. O propio Blanco Amor bautizouno como "arquiveiro maior" da súa obra. "Carliños", chamábao en cada correspondencia enviada dende calquera parte do mundo. 

Como coñeceu a Eduardo Blanco Amor?

A primeira vez foi en xaneiro de 1972, cando el pronuncia unha conferencia sobre oratoria no Colexio de Avogados de A Coruña. Eu era estudante normalista, coñecía a obra e interesábame quedar con el. Ao día seguinte citámonos na cafetería do hotel, e ata hoxe. Estes últimos anos sen a súa presenza, pero sempre presente na miña vida. Hai persoas que te marcan moito e unha delas foi Eduardo.

Admiraba a súa obra. Que lle atrapou da súa persoa para, nun momento, converterse no “recompilador" do seu legado?

O máis coñecido daquela era "A Esmorga". O resto escríbeo máis tarde. "Los miedos" xa o tiña escrito. Cando eu o coñezo na cafetería daquel hotel teño acceso a algo máis ca un escritor, a un home. Con todo o que leva de tristeza, de inseguridade, de alegría por ser creador… Coñezo ao Eduardo home e iso é o que che atrapa. Ver o que lle está pasando de soidade, de non ser comprendido… Tiña unha personalidade desbordante. Era un gran conversador. Arte, literatura, política...Era unha delicia falar con el de calquera tema. A min engaioloume, ademais eu que era un mozo de 19 anos.

Como empeza a construír ese arquivo sobre o escritor?

O primeiro foron os artigos en prensa. Cando nos encontramos noutra ocasión, lévollos. E despois atrapoume a obra e funa buscando con moita dificultade. Aínda hai obras que hoxe non se atopan nin en Internet. Coa obra que teño unha espiña cravada e aínda non atopei unha primeira edición é con "Poema en catro tempos ". En cincuenta anos, non atopei unha primeira edición do 31. E esa obra é do mellor que ten Blanco Amor.

Que ten de inédito Blanco Amor?

Moitas cousas. Para bibliófilos, non sei... Pero nesta exposición está todo o que publicou e todo o que se publicou sobre el. Hai libros que son descoñecidísimos.

Tamén hai obxectos...

Hai unha cámara que utilizou Blanco Amor. As fotos que lle fixo a Lorca tan coñecidas non están feitas con esta cámara, descubrino porque revisando os negativos, as de Lorca non foron feitas con 35 milímetros.

Precisamente quérese recuperar a faceta do Blanco Amor fotógrafo. Que lle parece?

Hai cousas da foto de Eduardo aínda non recollidas, pero hai tamén outras máis importantes para recuperar. A correspondencia de Eduardo está sen publicar, todos os traballos de oratoria, a poesía en español… O Concello de Oleiros publicou un volume pero nunha edición non venal. Hai cantidade de cousas descoñecidas aínda no mundo de Eduardo e interesantes por recuperar. 

A súa novela “La catedral y el niño" tense reivindicado como unha das obras en prosa española máis importantes do século XX. Tamén escribiu “Los miedos". Blanco Amor foi recoñecido fóra das nosas fronteiras?

Non. Porque "La catedral y el niño", editada por Rueda en Bos Aires, chega aquí bastante tarde. Cando a publica Losada empeza a ser coñecida. Eduardo retoca a novela para publicala en España, porque aquela era para un público de alá. E con "Los miedos", unha novela de intriga, sábese que el tiña moita ilusión nela. Quizais na que máis. El mesmo di que era a súa mellor novela. Tachárona de procaz pola masturbación dun personaxe e por outras cousas. Queda de finalista pero a mala man de Castroviejo, que a denuncia, impide que gañe eses premios. Deixáronlla vender, pero non lle deixaron expoñela nos escaparates.

Foi un escritor maltratado. 

É case imposible, quizais agás a poesía, que non tivera problemas con algunha obra. Tívoos co teatro, con "Xente ao lonxe", con "A Esmorga"... Foi mala sorte. Incluso o ano que lle adican as Letras galegas no 93 ten que lidar con Xacobeo 93!

Que significa Blanco Amor para Ourense?

Eduardo Blanco Amor pon a Ourense no mundo.

E Ourense, foi xusto? É xusto hoxe co seu legado?

A cultura hoxe non é rendible. Inxusto? Pois claro. Non se pode ter un escritor coa personalidade de Eduardo agochado, non reivindicado. Está aí, como está o Miño. A cidade tiña que reivindicar máis a figura. Imaxino que agora con isto de que a Deputación de Ourense e a Fundación Blanco Amor están en Ourense, vai cambiar a cousa.  É o que hai e contra o que temos que loitar.

Te puede interesar