Arte et Alia

O sen ser de Mauro Trastoy

El artista Mauro Trastoy, el día de la inauguración de la muestra "Sen ser".
photo_camera El artista Mauro Trastoy, el día de la inauguración de la muestra "Sen ser".

Con pezas tecidas polas súas mans no taller e tamén no seu domicilio, en Santiago, preséntase en Ourense este poliédrico artista ferrolán. Son obras de la sobre arpilleira, e unha asimétrica alfombra xeométrica. Todo semella, polo material escollido, un manifesto feminista dende unha das icónicas artes de xénero, mais enfocalo así deixa fora o esencial do artista, a súa procura persoal de raíz. Áchanse expostas na galería de arte de Marisa Marimón. A gama cromática dende a la crúa, beixe, marrón, e negro, nas brancas paredes do espazo, conforma un dicir elegante, pulcro e discreto. Tenta Trastoy un camiño de expresión asentado no Mínimal, ou Frank Stella, mais tamén nos movementos plásticos dos anos vinte e trinta do pasado século, consciente rebusca inspiradora que fertiliza o seu humus e inquedanzas.

pormenor_da_sala_resultado

Galerista e artista dispoñen as obras dende a fachada, colocando no escaparate a lámpara e as escuras pezas cerámicas, que son a súa carta de presentación: os seus coñecidos ‘obxectos lumínicos’, e outras esculturas, estas de gres negro, como unha floración de chemineas, recente teima que xurde dende 2016 en SARcerámica, co ceramista pontevedrés Pablo Barreiro, e o alaricano Xaime Piñeiro. E na parede frontal do interior hai outro escaparate, coa peza de tecido de baño pendurando do toalleiro. E as colaterais teñen outra singularidade, a dos fíos externos que semellan cabeleiras, como a crara e asimétrica, tan poética, do estilo daqueloutras coñecidas como “Cadros para peitear”, de cáñamo, sendo a de cor negra, equilibrada e compacta. Os volumes escultóricos son expresivos cadros expandidos. Nas outras paredes áchase o centro da mostra. E se naquelas hai un ar ás ‘pezas de proba’ de Eva Hesse, efémera e influínte autora norteamericana, en tódalas demais Anni Albers, da escola da Bauhaus, é a referente principal. 

Son todas obras de pequeno formato, facendo o inquedo e artista unha aproximación ás históricas vangardas plásticas europeas dende a investigación e experimentación do proceso artesanal do tecido. A súa linguaxe é non figurativa de proxenie suprematista rusa-soviética desde Kazimir Malevich e o seu cadro branco sobre fondo branco de 1918, iniciado co cadro negro sobre fondo branco tres anos antes. Trastoy faino sobre fondo marrón cun cadrado vermello, cor aquí tan significada como na súa exposición ‘Rojo’, de 2017, na santiaguesa Fundación Granell. 


Planos xeométricos


E cos necesarios procedementos manuais da artesanía fai punto de cruz, e posiblemente tamén petit point, para as súas pezas en planos xeométricos, sen cores e punto de fuga, podéndose así facer, chegado o caso, dúas lecturas: a horizontal ou rotándoo en diagonal, co que se cambia o punto de vista, para artellar unha posta en escena estática e tamén dinámica. E hai aínda outra peza, na que un elemento por tras levanta a tela tecida, xeito de facer do artista Leopoldo Nóvoa, a quen se lle fixo en Ourense unha homenaxe fai un par de anos con ‘Atelier Armenteira’. “Sen ser é”, segundo escribe. E tamén “é un estado de ánimo, un fluír entre as etiquetas e os formatos, un desdobramento de posibilidades, é un querer ser outra cousa”.

Te puede interesar