ARTE ET ALIA

A Ourense de “Nós", crisálida dunha Galicia nova e universal

Monumento á Xeración Nós no Campus, obra do arquitecto Fernando Blanco (1996-1997).
photo_camera Monumento á Xeración Nós no Campus, obra do arquitecto Fernando Blanco (1996-1997).

Unha manchea de sensacións o de achegarse ao mundo dos da Revista Nós, e aínda máis da xeración así nomeada. Esta, máis alá da tripla clásica do cenáculo ourensán, Risco-Otero-Cuevillas, ao que se engade o pontevedrés con Castelao e Ramón Cabanillas, hai que engadir outros nomes que suman e multiplican, algúns deles fundamentais na encomenda de facer Galiza como empresa común, unha Galiza sen complexos, dentro dun barco no que foron remando xuntos, aínda que se tratou en realidade dunha flota, que puxo o nome da terra propia como tarefa, coa súa idiosincrasia característica e historia propia, e a súa lingua como bandeira. Así o gran poeta da terra e lexicógrafo de San Clodio do Ribeiro de Avia Eladio Rodríguez (+1949), coetáneo deles, escribe na dita revista “Na xuntanza está a forza” e o trunfo. Felipe Fernández Armesto, coñecido como Augusto Assía (1904/2002), periodista de percorrido internacional, de quen é o concepto do título que empregamos. E tamén Xosé Ramón Fernández-Oxea (1896/1988), máis coñecido polo seu alcume de Ben-Cho-Shey, amigo de Risco e Otero, cos que fai en 1927 unha fermosa camiñada cara Santo André de Teixido, unha peregrinatio en pro das esencias da espiritualidade telúrica denantes de Sant-Iago, publicada dous anos despois na editorial Nós. Nos anos sesenta salienta o que supón “para un bon galego” asistir á Misa anual en Bonaval pois “os galegos que aínda estando esparexidos polo mundo adiante sentímonos xunguidos pola baraza sutil do amor á Terra para escoitar a palabra evanxélica dita no noso idioma”. Así Xavier Prado “Lameiro” (1874/1942) e o gran escritor en castelán e galego da diáspora en Arxentina Eduardo Blanco (1897/1979); e Xaquín Lorenzo (1907/1989), uns anos máis novo. Do gran etnógrafo, e derradeiro membro do grupo de Nós, gusto de salientar a curtametraxe “O carro e o home”, 1940, baseada nas súas investigacións, unha película recuperada en 1980 polo cineasta Eloy Lozano á que se lle engade a locución en galego na voz de Lorenzo. 

bus,_bos,_1996_resultado

ARTURO NOGUEROL E  ANTÓN LOSADA 

E chegamos neste parrafeo ao cumio da rexesta coa figura de Arturo Noguerol (1892/1936), pioneiro do galeguismo e cofundador con Risco de La Centuria, en quen debemos ver o cuarto membro do noso cenáculo. Na casa deste avogado, estaba a sé administrativa da Revista Nós, constituíndo a sociedade mercantil e da Sociedade do Grupo, sendo director-xerente dela. Dedicóuselle un busto na fachada. Mais nesta explosión cultural galega hai unha figura fulcral pola súa decidida acción pioneira que o converteu no xermolo do Grupo Nós, con aquel e Risco. De orixe fidalga no Pazo da Chousa de Moldes, Boborás, e vida breve, Losada Diéguez (1884/1929) chega a Ourense en 1913 como catedrático de instituto, entrando con entusiasmo nas Irmandades da Fala. O seu impulso e actividade aquí, continuará en Pontevedra, pondo a Risco en contacto con Castelao. Un talante o seu dado á conciliación que fixo agromar as converxencias sobre as diferenzas, o que foi providencial. Nace así “Pra ledicia de todos e pra enseño de moitos” moito máis que unha revista e un Grupo. 

Te puede interesar