CENTENARIO DE NÓS

Perspectiva de identidade propia

2020103018325317690
Legado e historia

Ourense é o epicentro do centenario da publicación da Revista Nós, unha efeméride cultural que rende homenaxe aos intelectuais que conectaron a cultura galega co europeísmo e que cen anos despois segue a estar máis presente ca nunca na tradición e no pensar de toda Galicia.

Recuperar o espírito daquela xeración de intelectuais que, cen anos atrás, apadriñou a modernización da cultura galega para ligala ás correntes máis destacadas do panorama internacional e cunha clara vocación europeísta é un dos motores dos sectores culturais actuais, que seguen a loitar por acadar o papel relevante para unha Galicia que homes como Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo, Antón Losada Diéguez e Florentino López Cuevillas souberon encamiñar cara novos desafíos.

O legado de Risco, Cuevillas e Pedrayo segue a preservarse e darse a coñecer en Ourense, unha cidade que centraliza os actos conmemorativos do centenario da "Xeración Nós", coa cultura galega preparándose xa cara esta nova década e reflexionando sobre o camiño percorrido ata a actualidade e o futuro que está por vir.

Imaxe do grupo de escritores e intelectuais e que formaron o grupo Nós.

Imaxe do grupo de escritores e intelectuais e que formaron o grupo Nós.

REVISTA

O 30 de outubro de 1920 saíu á luz o primeiro número dunha publicación que congregou a toda unha serie de eruditos que buscaron levar a idea de Galicia a outro nivel: unha identidade propia, un rexistro culto e unha conexión coas correntes que representaban a modernidade científica, artística e literaria máis aló das fronteiras estatais.
A revista "Nós" editouse ata 1935, completamente en lingua galega, e abordou temáticas tan diversas como a etnografía, a ciencia, ou a arqueoloxía xunto a traducións de filósofos alemáns, novidades artísticas das rexións europeas ou versións de textos e obras internacionais e da literatura universal.

Moitas das figuras que estaban detrás dela eran activos partícipes doutros movementos galeguistas e literarios, como ' As Irmandades da Fala', pero aínda así acabaron sendo recoñecidos por un denominador común debido á importancia da actividade deste grupo de intelectuais vinculado, especialmente, ao  ourensanismo: a 'Xeración Nós'.

Vicente Risco, director literario da revista, Otero Pedrayo e Antón Losada Diéguez foron os principais representantes deste movemento, ademais do pontevedrés Alfonso Rodríguez Castelao, director artístico da publicación. Este grupo comandou a renovación do panorama literario e da prosa culta galega a principios de século, ademais de ligar o idioma como medio de expresión tanto artística como científica.

REIVINDICACIÓN CULTURAL

Os representantes desta xeración descubrirían e achegaríanse a Galicia ao exterior despois dun periplo de análise e investigación. De rigorosa formación intelectual, estes escritores e intelectuais realizaron un traballo de estudo fundamental para situar a Galicia nun contexto histórico sen precedentes, apostando polo fortalecemento da cultura e literatura galega. Con eles, a prosa galega excede o costumismo e o ruralismo e ábrese a horizontes novos, máis universais e, ao tempo, máis enraizados na propia cultura galega.

Hai que resaltar que "Nós" ten varias perspectivas que fixeron deste movemento cultural algo único en Galicia. Autores coma Carme Fernández Pérez-Sanjulián destacan que por unha parte, "Nós" é unha revista científico e literaria que concedeu especial atención ás áreas de literatura, etnografía, folclore, arte e arqueoloxía, coa finalidade de reforzar o coñecemento da produción cultural galega e darlle un espazo propio para crear unha conciencia do valor do propio. Por outra banda en "Nós" pódense atopar traducións de filósofos alemáns, informacións sobre recentes novidades literarias europeas ou, mesmo, versións de textos estranxeiros (por exemplo, Otero Pedrayo publica a tradución dun fragmento do Ulisses de Joyce, a primeira que se realizou no Estado Español.

A xeración Nós, tanto pola revista como polo traballo que realizaron os seus representantes no o Seminario de Estudos Galegos (1923)puxeron as bases para que a lingua galega comezara a ser utilizada como medio de expresión da prosa científica, un paso máis na consolidación do modelo de lingua culta e na ampliación de ámbitos de uso do idioma galego.

Te puede interesar