Pistacinco leva ao Salón Teatro de Santiago os números artísticos do espectáculo 'Cabaré de Circo'

A Asociación de Novo Circo Pistacinco presentará este venres ás 20.30 horas no Salón Teatro de Santiago a única función do seu espectáculo 'Cabaré de Circo', no que unha ducia de polifacéticos artistas desenvolverán sete números con diferentes propostas artísticas.
Así, durante unha hora e media os intérpretes mostrarán as súas distintas habilidades, dende malabares ata equilibrios, pasando por zancos, corda ou exercicios aéreos.

En concreto, Arturo escenificará a súa peza 'S.L. (Sociedade limitada)', unha parodia en clave de clown sobre o dilema de traballar para vivir ou vivir para traballar; Pablo e Sofía presentarán o seu último traballo de acrodanza, e DJ Capuzzi e Señorita X farán o propio con 'Disco Delivey', un espectáculo de claqué, malabares, acrobacias e humor.

Tamén Santi, un dos malabaristas punteiros de Galicia, participará no espectáculo; e Jano levará a cabo ante o público os seus exercicios de equilibrismo. Ademais, Duelirium, compañía finalista do programa Novos Talentos do Circo Europeo, levarán a escena unha viaxe máxica en busca de novos elementos e instalacións aéreas. Finalmente, Girisho realizará exercicios en corda.

As entradas para 'Cabaré de Circo' porán á venda na taquilla do Salón Teatro dende dúas horas antes do comezo do espectáculo. O prezo das localidades será de 10 euros, con desconto para estudantes, xubilados, usuarios do carné novo e desempregados.

Te puede interesar