Recuperadas obras de arte desaparecidas de varias igrexas da Mariña (Lugo)

Axentes da Policía Autonómica en Lugo detiveron un home, veciño de Mondoñedo (Lugo), como presunto autor dun delito de receptación de obxectos de culto, que deu como resultado a recuperación de varias pezas de arte catalogadas no Patrimonio Artístico de Galicia e pertencentes a igrexas da Mariña luguesa.
A Policía Autonómica, despois de coñecer a desaparición de diferentes tallas e obxectos de culto, realizaron unha investigación en que foron interrogados os veciños e responsábeis das parroquias afectadas, informou a Xunta nun comunicado.

Estas pescudas deron como froito a recuperación dunha talla de madeira dun San Francisco do século XVIII, que desaparecera da igrexa de Rinlo, en Ribadeo. Ademais, os axentes tamén recuperaron unha campá de ferro fundido e varias pezas de madeira, das que se descoñecen as súas igrexas de procedencia.

Os obxectos recuperados están en depósito a disposición da autoridade xudicial e son parte dunha lista que facilitou o Bispado de Mondoñedo, en que constan obxectos que aínda continúan desaparecidos e outros que xa foron entregados ao Bispado.

Os obxectos desapareceron de varias igrexas da Mariña durante os anos 2010 e 2011, indícase no comunicado.

No referente á persoa detida, tramitouse o correspondente atestado policial que foi remitido ao Xulgado de Instrución número 1 de Mondoñedo.

A investigación continúa aberta, polo que non se descarta a recuperación de imaxes e obxectos de culto que continúan desaparecidos, así como que haxa novas detencións.

Te puede interesar